TÉCNICAS
DE ESTUDO
QUE
É ESTUDAR?
Estudar é comprender as cousas.
Estudar non é:
Pasar
apuntamentos a limpo.
Facer deberes.
Completar os cadernos.
Ler libros.
Pasar horas diante dun libro ou apuntamentos.
Que
necesitamos?
Material: libros, papel,
bolígrafos…
Técnicas: esquemas, resumos,
subliñado…
Disposición:
interese, ganas, motivación…
Teste que
esforzar todos os días. Estudar é moi pesado e difícil.
Ímosche axudar, mais sen o teu esforzo e ganas a axuda non serve de nada. Isto
non é maxia!
Tes que
propoñerte obxectivos que poidas acadar, non inalcanzables a curto prazo: se
suspendiches oito na primeira avaliación, a ver
se baixamos a cinco na segunda para rematar aprobando todo. Acadar obxectivos
vaiche dar ánimo para seguirte esforzando.
Non te deixes
vencer, non
te desanimes.
Se os resultados positivos tardan, quizais teñas que esforzarte un chisco máis.
Aprende dos erros e non
dubides da túa capacidade: se outros son capaces ti tamén o es. Podemos máis do que
pensamos, se actuamos con convencemento.
Fai sempre os
exercicios e tarefas que che manden. Corríxeos
sempre na aula con moita atención, destacando os erros para visualizalos ben. Non os copies dun compañeiro. Iso é
trampa: nin cumpriches coa túa obriga de traballo nin sabes facelo (aínda que
teñas a sensación de que si).
Cando teñas
dúbidas, non quedes con elas: na casa consulta libros, apuntamentos, internet… e apunta
se non atopaches a solución para preguntar ao día seguinte na aula: pregunta ao
profesor ou a un compañeiro. Tes
que entender todo para poder logo estudar.
PARA
QUE ESTUDAR?
Temos que estudar
para
coñecer cousas novas, sentirnos ben e ter boas notas. Tamén por satisfacción
persoal, espírito de superación, ser máis listo/a. E … para ter
unhas boas vacacións!
CANDO
ESTUDAR?
É difícil sentar e estudar, custa moito concentrarse e
comezar.
Tes que estudar todos os días, até sábado ou domingo se hai moitos exames.
Estuda a diario, se o profesorado non mandou tarefas ou non hai exames próximos, non
perdas o día: fai esquemas, resumos, le…
Non deixes para o último día o estudo, en pouco tempo non vas recuperar o
que non fixeches nos días ou semanas anteriores.
Deseña un plan e cúmpreo.
Pon o horario nun lugar visible e
dillo á túa familia para que che axude a levalo a cabo.
Este horario debe ser realista: de nada vale facelo moi completo se despois non se
cumpre.
O horario debe manter un equilibrio
entre ciencias e letras.
Deixa sempre o máis rutineiro ou mecánico
para o final.
Procura estar descansado/a. Non é bo pórse a estudar despois de facer exercicio nin
xusto despois de xantar.
Durme
ben (polo menos oito horas), así renderás máis e mellor ao día seguinte.
Leva unha axenda á clase e apunta nela tarefas, datas de exames e
entrega de traballos, dúbidas que che xurdiron na casa, notas…
Distribución do meu tempo de estudo:
Horario
|
Luns
|
Martes
|
Mércores
|
Xoves
|
Venres
|
Sábado
|
15:30 a
16:00
|
|
|
|
|
|
|
16:00 a
16:30
|
|
|
|
|
|
|
16:30 a
17:00
|
|
|
|
|
|
|
17:00 a
17:30
|
|
|
|
|
|
|
17:30 a
18:00
|
|
|
|
|
|
|
18:00 a
18:30
|
|
|
|
|
|
|
18:30
a 19:00
|
|
|
|
|
|
|
19:00 a 19:30
|
|
|
|
|
|
|
19:30
a 20:00
|
|
|
|
|
|
|
20:00 a 20:30
|
|
|
|
|
|
|
TOTAL
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
CANTO
ESTUDAR CADA DÍA?
Se non tes hábito
de estudo:
- Durante a primeira
semana obrígate e estudar media hora diaria.
- Despois vai
aumentando cinco minutos cada día até acadar os obxectivos marcados.
- Debes facer un descanso de cinco minutos cada media hora de estudo.
- Se un
día incumpres o planificado tes que, ao día seguinte, volver ao nivel do día anterior.
Se xa tes hábito:
- Estuda como máximo unha hora seguida.
- Fai descansos
de cinco minutos.
- Non prolongues nin un minuto os períodos de descanso; se alongas o descanso, logo vaiche ser máis difícil sentar e concentrarte de novo.
ONDE
ESTUDAR?
O mellor é estudar todos os días no mesmo lugar, con boa luz e sen que te
molesten.
Estuda no teu cuarto,
nunca na cociña, sala ou comedor. No cuarto teu non debe haber tele,
consola, ordenador, aparello de música,… así non caerás na tentación
de prendelos.
Se non tes un lugar axeitado, busca unha biblioteca próxima.
A mesa debe estar ordenada e despexada: non ter debuxos, cousas ou papeis polo medio.
Podes ter un atril
que che facilite unha boa postura.
A cadeira cómoda:
non esteas dobrado, nin cos pés colgando.
É fundamental ter unha boa iluminación, pola
esquerda (se es destro).
Debe estar a temperatura media (uns 20
graos) e estar ben
ventilada xa que o cerebro precisa oxíxeno.
Cando vaias sentar leva todo o necesario, así non vas ter escusas para erguerte
da cadeira antes do descanso marcado. Ten á man libros, bolis, folios, auga…
Evita as interrupcións
durante o estudo: non estudes con música.
Só podes ter música instrumental (nunca cantada) cando fas tarefas rutineiras
que precisen pouca concentración. Nunca uses auriculares.
Fóra o móbil do cuarto, nin sequera apagado porque, aínda así, váiseche ir a vista a el. Xa falarás cos amigos/as cando remates.
COMO
ESTUDAR?
TÉCNICAS DE
ESTUDO
Que podemos
facer para comezar?
Antes de nada botarlle un
ollo ao tema:
facer unha lectura rápida
para descubrir a extensión (calcular canto nos vai levar)
apartados,
temas que trata,
vocabulario que usa…
AGORA… A TRABALLAR
SUBLIÑADO
Serve para:
Estares atento/a mentres les.
Aforrar tempo á hora de
repasar e facer esquemas.
Desenvolve a capacidade de
síntese.
Feita a primeira lectura, podes comezar a subliñar durante a
segunda.
Podes subliñar con raias (se tes mal pulso usa
regra), lapis de cores ou rotuladores.
Non uses
máis de dúas cores,
a máis viva para o máis importante.
Subliña as ideas principais, palabras clave
ou datos importantes (non preposicións, conxuncións nin exemplos).
Debes facer un subliñado equilibrado: se
subliñas pouco, non tes información; se subliñas moito, non serve de nada.
Nunca
subliñes un parágrafo
enteiro, se che parece importante ponlle corchetes ao lado.
Subliña de tal xeito que o
subliñado se poida ler de
corrido e teña sentido.
Apoia o subliñado con notas á marxe, frechas,
asteriscos,… para destacar algún aspecto.
Exemplo (texto sacado de O Portal da Lingua Galega)
A principios do
século XIX, o galego era aínda a lingua oral de case toda a poboación. A partir
da metade do século, o castelán vai substituíndo o galego entre a burguesía
urbana.
Mais o século XIX é tamén o da recuperación do galego
como lingua de cultura. Rexurdimento é o nome do movemento de renovación que tivo lugar
en Galicia nesta centuria e que supuxo a dignificación literaria da nosa lingua
propia. Cantares
gallegos, a primeira obra escrita totalmente en lingua galega,
publicada en 1863 por Rosalía de Castro, inaugurou o chamado Rexurdimento pleno.
Contra finais do século o uso literario do galego comezou a estenderse a
outros xéneros diferentes do lírico que ata entón predominara, como o narrativo
e o dramático, aínda que con limitacións que confinaban a lingua propia de
Galicia nas temáticas histórica e costumista.
As primeiras
gramáticas e dicionarios galegos, esenciais para a súa estandarización,
apareceron tamén no século XIX.
MAL SUBLIÑADO: moitas cores e moi extenso.
A principios
do século XIX, o
galego era aínda a
lingua oral de case toda a poboación. A partir da metade do século, o castelán vai substituíndo o
galego entre a burguesía urbana.
Mais o século
XIX é tamén o da recuperación
do galego como lingua de cultura. Rexurdimento é o nome do
movemento de renovación
que tivo lugar en Galicia nesta centuria e que supuxo a dignificación literaria da nosa lingua propia. Cantares
gallegos, a primeira obra escrita totalmente en
lingua galega, publicada en
1863 por Rosalía de Castro, inaugurou o chamado Rexurdimento pleno.
Contra finais
do século o uso literario do galego comezou a estenderse a outros xéneros diferentes do
lírico que ata entón predominara, como o narrativo e o dramático, aínda que con
limitacións que confinaban a lingua propia de Galicia nas temáticas histórica e
costumista.
As primeiras
gramáticas e dicionarios galegos, esenciais para a súa estandarización, apareceron tamén no século XIX.
BEN:
pode lerse de corrido, suprimíronse os conectores e exemplos (empezamos
estudando sen exemplos, pero logo incorporámolos noutra cor)
ESQUEMAS E MAPAS CONCEPTUAIS
Consisten
en organizar os conceptos dun xeito moi gráfico e visual, ten que entrar
polos ollos!
Os esquemas son máis simples
que os mapas conceptuais xa que nestes engádense conectores.
Os tipos de esquemas máis
utilizados son os de chaves, raias ou números.
Para
facer un bo esquema debemos:
Ler o
texto atentamente
antes de nada.
Identificar os conceptos chave (podemos
subliñalos no texto) facendo unha listaxe dos mesmos.
Colocar o concepto principal na parte
superior ou na esquerda (dependendo do tipo de esquema)
Xerarquizar os conceptos segundo a súa importancia ou especificidade.
Conectar os conceptos cunha palabra de enlace.
Exemplo (texto sacado da Galipedia,
adaptación)
Variedades
lingüísticas no galego
Variedades diacrónicas
Son as
variacións dunha lingua ao longo dos séculos. Dependen do momento ou período
histórico no que nos situemos para estudar a lingua.
Na escrita distinguimos o
galego medieval (desde o século XII), o galego moderno (desde o século XVI), o
galego contemporáneo (desde o século XIX ata hoxe).
Variedades xeográficas
As mudanzas deste tipo
pertencen á variación diatópica e consisten en que existen
variantes na forma de falar unha mesma lingua debidas á distancia xeográfica
que separa aos falantes. Así, por exemplo, no bloque galego occidental
dise pantalóns mentres que no central dise pantalós e
no oriental pantalois.
A estes cambios de
tipo xeográfico chámaselles dialectos e, ao seu estudo, dialectoloxía. Cómpre aclarar que
este termo non ten ningún sentido negativo, pois, erróneamente, foi común
chamar dialecto a linguas que supostamente son "sinxelas" ou
"primitivas". Hai que ter presente, ante todo, que todas as linguas
do mundo, dende o punto de vista gramatical, atópanse en igualdade de
condicións e ningunha é máis evolucionada cá outra. Por iso, é ilóxico afirmar
que unha lingua é mellor cá outra.
Variedades sociais
A este tipo de
variacións chámaselles tamén diastráticas e comprenden tódalas
mudanzas da linguaxe producidas polo ambiente no que se desenvolve o falante.
Dentro deste eido, interesa sobre todo o estudo dos sociolectos,
os cales débense a factores como a clase social, a educación, a profesión, a
idade, a procedencia étnica etc. En certos países onde existe unha xerarquía
social moi clara, o sociolecto da persoa é o que define a que clase social
pertence. Iso supón, por suposto, unha barreira para a integración social.
Variedades situacionais
Coñecidas tamén como
variacións diafásicas, este tipo de variantes involucra cambios na
linguaxe a partir da situación na que se atopa o falante. Como se sabe, non se
fala igual nunha festa de amigos que nunha actividade relixiosa. Dende este
punto de vista, o que provoca o cambio é o grao de formalidade das
circunstancias. O grao de formalidade enténdese como a estrita observancia das
regras, normas e costumes na comunicación lingüística.
Tomando en
consideración este factor, os especialistas falan da existencia de
diversos rexistros ou estilos. Deste xeito, no intre de
expresarse, os falantes deben elixir un rexistro axeitado á circunstancia na
que se atopa.
Non existe acordo en
canto a cantos e cales tipos de rexistros existen. Polo xeral, distínguense os
seguintes: solemne, culto ou formal, estándar, profesional, coloquial, frío,
vulgar e xergal.
ESQUEMA DE CHAVES
ESQUEMA FRECHAS
ESQUEMAS
VISUAIS
RESUMO
Facer un resumo non é nada fácil. Resumir é sacar a palla para quedar só co importante.
Primeiro lemos o texto con moita atención,
buscamos os termos que non entendemos no dicionario.
Unha vez lido, e até relido varias veces, buscamos as palabras chave
(pódense subliñar) sobre o sunto, buscar a súa esencia.
Agora tes que organizar o que entendiches do texto. Debes
responder de xeito doado á pregunta: que di o texto?
Neste momento podemos comezar a resumir respondendo a esta
pregunta: como lle
explicarías ti ese tema a alguén?
Fai o resumo coas túas propias palabras.
Non serve de nada copiar anacos enteiros do
libro ou do texto porque ti non estás absorvendo nada.
Cando escribes debes
esforzarte en explicar a
materia para fixar o contido.
Debes ir parágrafo a parágrafo.
A extensión do resumo debe ser,
máis ou menos, un cuarto do
texto, é dicir, por catro liñas ti tes que facer unha de resumo.
Imos facer un resumo, a modo de
exemplo, deste texto sacado d´O Portal da Lingua Galega, refernte ao período da historia da
nosa lingua entre os séculos XV e XVIII.
Tempos
de dificultades
A fins do Medievo, a lingua galega entrou
nun período de decadencia
nos seus usos formais e literarios, provocado fundamentalmente por un contexto
sociopolítico dominado por unha clase mandataria foránea e allea aos intereses culturais e
identitarios de Galicia.
Malia a pervivencia da lingua no ámbito privado e nos
contextos de comunicación
informal, o galego estivo ausente dos usos formais e escritos durante un longo período de tres séculos
–XVI, XVII e XVIII–, chamados Séculos
Escuros.
No entanto, no século XVIII houbo voces que,
influenciadas polos ideais ilustrados, mostraron a súa preocupación polo subdesenvolvemento do
galego e propugnaron a súa estandarización e a súa introdución nas escolas.
Figura senlleira desta época é o padre
bieito frei Martín Sarmiento (1695-1779).
Unha das preocupacións de Sarmiento foi o coñecemento científico do idioma galego, que
recolleu en varios traballos de campo e que estudou en numerosos escritos. O
interese filolóxico do bieito polo galego herdouno o frade da mesma orde, frei Juan Sobreira (1746-1805).
Outra das preocupacións de Sarmiento foi a situación de marxinación social do galego. En numerosos
lugares denuncia
que o galego non sexa a lingua da alfabetización, da Administración e da Igrexa.
Resumo:
(Ver subliñadas as
palabras chave)
Tempos de dificultades
A finais da Idade Media o galego deixou de usarse no
ámbito formal e literario porque as clases dirixentes non eran de fóra de
Galicia e non amosaban interese pola nosa cultura.
A lingua galega segue a usarse no ámbito privado e oral, pero
desaparece dos usos formais e escritos. Este período chamase Séculos Escuros e
abrangue os séculos XVI, XVII e XVIII.
Con todo, o século XVIII supón un pequeno cambio xa que
hai persoeiros que, influenciados pola Ilustración, defenden a valía do galego
e o seu estudo nas escolas.
A principal figura foi Sarmiento que se preocupou polo estudo
científico da lingua, reflectindo estes estucos en numerosos escritos. Tamén se
manifestou contrario á marxinación que sofre o galego e denuncia que non sexa a
lingua da escola, igrexa ou administración.
TESTS PRÁCTICOS
Consiste en facer unha simulación
de exame. De paso que vas lendo o tema vas apuntando preguntas
posibles. Comeza con preguntas de resposta curta para
logo poder unir unhas con outras e facer así contestacións a preguntas amplas.
Logo respondes a esas cuestións.
Exemplo: Texto de O Portal da Lingua
Galega referente ao século XIX.
Século XIX
O século XIX marca a recuperación dos usos
literarios do galego, á vez que -da par dos cambios políticos e económicos que
traen o Estado liberal e o capitalismo- se inicia unha progresiva perda de
falantes.
A principios do século XIX, o galego era aínda a
lingua oral de case toda a poboación. A partir da metade do século, o castelán
vai substituíndo o galego entre a burguesía urbana.
Mais o século XIX é tamén o da recuperación do galego
como lingua de cultura. Rexurdimento é o nome do movemento de renovación que tivo lugar en
Galicia nesta centuria e que supuxo a dignificación literaria da nosa lingua
propia. Cantares
gallegos, a primeira obra escrita totalmente en lingua galega,
publicada en 1863 por Rosalía
de Castro, inaugurou o chamado
Rexurdimento pleno.
Contra finais do século o uso literario do galego
comezou a estenderse a outros xéneros diferentes do lírico que ata entón
predominara, como o narrativo e o dramático, aínda que con limitacións que
confinaban a lingua propia de Galicia nas temáticas histórica e costumista.
As primeiras gramáticas e dicionarios galegos,
esenciais para a súa estandarización, apareceron tamén no século XIX.
FACEMOS AGORA O TEST:
Preguntas:
- Que supón o século XIX?
- Que sucede a comezos do XIX?
- Que sucede a partir da segunda metade do XIX?
- Que é o Rexurdimento?
- Quen o inaugura e cal é a primeira obra?
- A que outros xéneros se estende o uso literario do galego?
- Cando aparecen as primeiras gramáticas e dicionarios do
galego? Para que?
A seguir respondes as preguntas:
- Supón a recuperación dos usos literarios do galego, pero
tamén comeza a perda de falantes.
- A comezos do XIX o galego é a lingua oral de case toda a
poboación.
- Na segunda metade o castelán vai substituíndo o galego,
sobre todo nas cidades.
- O Rexurdimento é un movemento de renovación que supón a
dignificación literaria da nosa lingua.
- Comézao Rosalía de Castro en 1863 coa publicación de Cantares
gallegos.
- Comezou en poesía, pero esténdese á narrativa e á
dramática.
- Aparecen no XIX e pretenden a estandarización (unificar
as diferentes formas) da lingua galega.
MEMORIZACIÓN
Despois de aprender algo o difícil é lembralo despois. Co paso do tempo imos esquecendo cada
vez máis detalles, por iso é necesario repasar o aprendido.
O estudado hoxe convén repasalo mañá
e así varias veces para non esquecer
os aspectos máis relevantes.
Á hora de memorizar con máis facilidade podemos recorrer á nemotecnia (formar
palabras ou frases que lle axuden ao noso cerebro a lembrar).
Por exemplo, para lembrar as
consoantes xordas recorremos ás palabras
PaTaKaS, CHoZa, XeFe. As consoantes
xordas son: p, t, k, s, ch, z, x e f.
Para lembrar as provincias de Andalucía:
Helena Sempre Compra Xamón e Carme Merca Gravatas Azuis. As iniciais corresponden a Huelva, Sevilla, Córdoba, Xaén,
Cádiz, Málaga, Granada e Almería.
Estas
axudas son persoais, cada un debe inventar as súas.
PROBLEMAS E EXERCICIOS
Diante dun problema tes que:
Ler ben até entender o enunciado.
Analiza e distingue
ben os datos.
Fai un debuxo ou un gráfico para entender ben o problema.
Pensa nun método para resolvelo.
Aventura un resultado, predí a solución sen facer ningunha
operación.
Comeza coa resolución.
Fai con moito
coidado as operacións.
Dáche un resultado lóxico? Se é algo disparatado, repasa.
Non esquezas
poñer as unidades
no resultado: cm, €, vatios,..
PARA REPASAR OS EXERCICIOS DA CLASE
- Tes que ter todos os exercicios feitos e corrixidos no caderno.
- Copia os enunciados noutro caderno e vainos resolvendo sen mirar.
- Se xa os resolves todos con eficacia e rapidez inventa ti outros
semellentes:
Primeiro cambia só algunhas cantidades numéricas.
Logo varía tamén signos de operacións.
Por último modifica tamén unidades.
Deste xeito podes
seguir os modelos da clase e, en caso de dúbida, consultar os resoltos polo
profesor/a.
OS EXAMES
Para sacar boas notas hai que levar as materias ao día
e estudar todos os días.
Pero aínda así, aí van algunhas recomendacións:
Non deixes todo para o último
día.
A véspera non podes empachar, deixa para o día anterior só o
repaso final intenso.
Vai para a cama á
túa hora, descansa e durme o
suficiente.
Con descanso a
memoria funciona mellor.
Non intentes estudar na
aula durante a hora anterior, non te vas
concentrar e só vas aumentar o nerviosismo.
Repasa os teus resumos ou
esquemas.
Sen nervios (porque
tes todo controlado) le o exame con calma.
Comeza a contestar
polo que mellor sabes, así gañas
confianza.
MOITA SORTE E PARABÉNS POLO TRABALLO BEN FEITO!