sábado, 18 de xullo de 2015

O PAPEL DO EXÉRCITO NA POLÍTICA ESPAÑOLA DA RESTAURACIÓN. Xuño 2014

O exército español tivo un papel central na política española da Restauración.
Rematada a Guerra da Independencia (1814) gran parte dos xefes militares apoian o restablecemento do absolutismo na persoa de Fernando VII. Con todo, as forzas liberais, fundamentalmente os mandos militares procedentes das guerrillas e a burguesía, intentan forzar o rei para que acepte o sistema liberal.
Para isto recorren á conspiración e aos pronunciamentos. Un pronunciamento é o levantamento de parte do exército que se declara partidario de que a monarquía absolutista sexa substituída por unha monarquía liberal inspirada nos principios da Constitución de Cádiz de 1812.
Os sucesivos intentos que realizaron estes militares liberais fracasaron, sendo a meirande parte dos seus organizadores detidos e executados.
Un destes pronunciamentos foi o do xeneral Riego en 1820. Riego proclamou en Sevilla o restablecemento da Constitución de 1812. Ao comezo contou co apoio dunha mínima parte do exército, pero en febreiro a maior parte das tropas da Coruña secundárono e detiveron as autoridades realistas. Nomearon unha Xunta de Goberno de Galicia e o seu exemplo foi seguido en distintos lugares de España. 
O triunfo dos revolucionarios calla e en España dáse paso ao Trienio Liberal (1820-1823).
Esta revolución asombra a Europa, pero o medo á súa extensión polo continente fai que as potencias europeas interveñan en España -Cen mil fillos de San Luís- e restauren o absolutismo (Década Ominosa, 1823-1833). Moitos líderes liberais foron executados (Riego, Empecinado) e outros tiveron que ir ao exilio.
Deica este momento o prestixio do exército español era moi grande: interviña na política, era quen de manter a orde dentro e fóra do territorio peninsular, era ben aceptado pola poboación,... Mais a partir de agora o prestixio do exército español vai decaendo porque se están a producir as guerras de independencia das colonias latinoamericanas e hai fondas divisións no seu seo. 
Desde 1816 coa independencia da Arxentina ata 1824 coa do Perú e Bolivia, foron acadando todos os territorios da América Latina a súa independencia sen que os nosos exércitos fosen quen de parar esa vaga.
Para máis, após a morte de Fernando VII, a súa muller María Cristina converteuse en rexente ata a maioría de idade da súa filla Sabela II. O exército español divídese novamente: uns son partidarios da Rexente e outros adhírense ao bando carlista (partidarios do príncipe Carlos, irmán do rei morto).
A primeira Guerra Carlista (1833-1839) desenvólvese nas provincias vascas, Navarra, norte de Cataluña e no Maestrazgo. A superioridade do exército de sabela II obriga os Carlistas, representados polo xeneral Maroto, a asinar en 1839 o Convenio de Vergara. Rematan as hostilidades, pero Carlos de Borbón non recoñece o acordo e a guerra segue dirixida polo xeneral Cabrera. Os focos de resistencia son cada vez menores, pero o exército español está debilitado.
En 1836, aproveitando esta debilidade, triunfan os motíns populares e o pronunciamento das tropas liberais. Isto permite o acceso ao goberno dos liberais, convócanse Cortes Constituíntes e alabórase a Constitución de 1873 que adopta os principios do liberalismo progresista. Nesta Constitución e referido ao exército, restablécese a Milicia Nacional. Este restablecemento é moi importante porque, cando en 1840 a raíña lles dá o poder aos moderados, os progresistas coa axuda da Milicia Nacional protagonizan varios motíns e levantamentos. Liderados polo xeneral Espartero, os progresistas pretenden establecer unha correxencia. A raíña non acepta, renuncia e exíliase, polo tanto Espartero convértese en rexente. Os problemas para Espartero xorden cando aproba a Lei Paccionada (1841) dando concesións a Navarra e rompendo, con isto, o principio liberal da unidade institucional do Estado. O triunfo de diversos pronunciamentos obrigan a espartero a renunciar e a exiliarse en Londres.
O novo goberno moderado está dirixido polo xeneral Narváez e o primeiro que fai é disolver a Milicia Nacional. Entramos na etapa da Década Moderada (1843-1854) do reinado de Sabela II. Nesta etapa destaca a creación da Garda Civil que, aínda que non pertence ao exército, é unha nova institución militar que substitúe á Milicia Nacional. O seu cometido era controlar as masas populares e manter a orde pública.
Os sectores progresistas da sociedade, ao non poder acceder ao goberno, seguen organizando pronunciamentos. Case todos eles fracasan. Destacamos o de Solís no ano 1846 en Galicia que remat co fusilamento dos seus líderes. Son os Mártires de Carral, pero a súa semente xermolará nas ideas provincialistas (é o inicio do que será o nacionalismo).
A división do exército do exército tamén favorece unha nova sublevación dos Carlistas. Esta liorta desenvólvese en Cataluña entre 1846 e 1849. a represión foi moi dura e o descontento medra.
No final do reinado de Sabela II quérese prestixiar a monarquía e para iso lévase o exército a unha serie de empresas no estranxeiro. Nestas encomendas non obtén éxito porque non estaba ben preparado nin forza para enfrontarse a ninguén. Destacan as operacións na Cochinchina (1857, 1862), Marrocos (1859-1860), México, Santo Domingo, Perú, Chile (1862-1871).
O descontento da xente medra e, en 1868, a unión de progresistas, demócratas e unionistas fai triunfar a revolución. É a Revolución Gloriosa. As tropas da mariña pronúncianse en Cádiz (Prim, Serrano, Topete...) e despois de vencer as tropas leais á raíña en Córdoba, proclámanse Xuntas revolucionarias e a raíña foxe ao exilio.
As novas Cortes Constituíntes elaboran a Constitución de 1869, inspirada nos principios do liberalismo democrático. Nesta Constitución non se falaba expresamente do exército, pero este sempre estivo pendente de que non se producisen excesos revolucionarios.
O fracaso da  monarquía de Amadeo de Saboia (1872-1873) deu paso á I República (1873-1874).
A I República foi vista polos militares como unha ameaza á unidade da patria. A proposta de Constitución Federal e a extensión do movemento cantonalista, reprimido polo exército, fixo que o xeneral Pavía entrase no Congreso en 1874 para disolver a asemblea Nacional e, así, porlle fin ao caos que, segundo eles, imperaba no Estado. Após a disolución do Parlamento, asume o poder o xeneral Serrano quen, co apoio dos xefes militares, suspende as garantías constitucionais e promete convocar Cortes Constituíntes cando o paía estea pacificado.
Mentres isto sucede, o exército combate os cantonalistas e carlistas. Medra o seu prestixio social e, baseándose nel, apoian a volta dos Borbóns na persoa de Afonso XII. Estamos no período canovista, no que, baixo a Constitución de 1876, goberna España unha monarquía constitucional doutrinaria conservadora.
O exército ten un papel preponderante no asentamento e prestixio do reinado de Afonso XII (rei pacificador) porque consegue pór fin a dous conflitos que veñen de vello. Péchase definitivamente o conflito Carlista, xa que as operacións militares do exército real fan que se extinga a oposición en 1876. O segundo conflito é a Guerra de Cuba. Os reforzos enviados déronlle ao xeneral Martínez Campos a oportunidade de sufocar as revoltas na illa (1876). Se ben houbo que ir abolindo a escravitude para que non hubese máis insurreccións, Cuba estaba relativamente tranquila, o problema quedaba aparcado, pero non solucionado.
A cuestión cubana rexorde na rexencia de María Cristina (1885-1902). En 1895 os independentistas cubanos, capitaneados por José Martí, reiniciaron a guerra con España. En Filipinas imitaron a revolta e  a insurrección comezou en 1896. A pesar do envío de numerosas tropas non se acadaban logros. O exército español non contaba con medios modernos, os soldados estaban mal preparados, as enfermidades tropicais,... todo facía que as baixas fosen cuantiosas.  A guerra con Cuba agravouse polo apoio dos EEUU aos insurrectos xa que non querían a presenza de España no Caribe nin no Pacífico. En 1898 unha estraña explosión no cruceiro norteamericano Maine, ancorado na Habana, serviu de escusa para que EEUU lle enviase un ultimato ao goberno español: tiña que renunciar ao dominio sobre Cuba. O fervor patriótico e a confianza na vitoria fixeron que non fose aceptado e se declarase a guerra. Esta foi curta dada a superioridade americana e así, as tropas norteamericanas ocuparon Cuba, Porto Rico e Filipinas. O goberno español solicita o armisticio e as negociacións de paz rematan coa sinatura do Tratado de París de 1898 (texto I). Por el España cede Cuba, Porto Rico, Filipinas e a Illa de Guam a EEUU e o resto de posesións foron vendidas a Alemaña en 1899. Desaparecía así o Imperio colonial español. A derrota, cualificada como o desastre do 98, causou unha fonda impresión na opinión pública e unha forte depresión na cidadanía: deixabamos de ser unha potencia mundial para ser un país mediocre cheo de problemas.
Os militares sentiron unha profunda frustración e resentimento xa que facían responsables do fracaso aos políticos. Isto levounos a cerrarse en si mesmos mantendo unha defensa corporativa dos seus intereses.
Con esta debacle remata a rexencia de Mª Cristina e comeza, con dezaseis anos, o reinado de Afonso XIII. Vaise desartellando o sistema canovista de quendas e o exército, aínda que baixo de moral, vai tomando cada vez un maior protagonismo. O ambiente político está moi alterado, medra a contestación política, aumenta a conflitividade social, hai atentados anarquistas, etc.
Ante este panorama o exército entra na vida política para defender os seus intereses, pero tamén para manter posturas cada vez máis conservadoras e autoritarias. En 1905, o goberno non se atreveu a castigar a uns oficiais da gornición de Barcelona que asaltaran varias redaccións da prensa (revista Cu-cut e o xornal La veu de Catalunya) nas que se defendía o catalanismo e se criticaba o exército (texto II). Deste modo o poder militar impúxose ao civil cando conseguiu, co consentimento do rei, a aprobación da nova Lei de xurisdición de 1906 pola que se sometía ao código militar o xuízo de delitos de opinión e obra contra a unidade da patria e contra o exército. Está a realizarse un cambio drástico na mentalidade militar xa que se pasa de apoiar coas súas accións ao liberaismo durante o século XIX, a defender agora intereses corporativos e a considerarse a si mesmos salvadores da patria e garantes da unidade nacional.
Este cambio de mentalidade nos militares vén unida a un novo conflito. Após a humillante derrota en Cuba, o exército español ten a encomenda de defender as posicións españolas no norte de África. En 1906 España e Francia crearon senllos protectorados no norte de Marrocos. Pero o problema radicaba en que antes había que pacificalos e isto non era tarefa doada. Nos arredores de Ceuta e Melilla, ademais da adversidade climática e orográfica, había tribos bérberes que obrigaban a manter alí fortes continxentes de soldados españois para facer fronte aos seus ataques. Estes ataques eran continuos e en 1909 o exército español sufriu en Marrocos unha nova derrota. Como se querían manter as posicións, o goberno decretou a mobilización dos reservistas. A opinión pública de esquerdas e as organizacións obreiras móstranse en contra. O embarque en Barcelona, en xullo de 1909, das tropas que ían a Marrocos provocou unha folga xeral de anarquistas e socialistas contra a guerra e as políticas do goberno. A folga foi un éxito, pero radicalizouse (barricadas, queima de igrexas, rúas cheas de exaltados). Ante isto, o goberno restableceu a orde pública reprimindo as masas ata con fusilamentos. Foi a Semana Tráxica de Barcelona, que tivo como consecuencia a caída do goberno do conservador Maura e a chegada ao poder dos liberais con Canalejas.
Canalejas quixo reformar o exército promulgando a Lei de Recrutamento  de 1912. Establecía o servizo militar obrigatorio, abolía a posibilidade de non ir pagando unha suma en metálico. Esta era unha demanda social, pero non a satisfixo totalmente porque Canalejas estableceu os soldados de cota que, mediante pago, reducían moito o tempo do seu servizo militar. Estas reformas non agradaban a ninguén  e producíronse moitos conflitos  que provocaron a quebra do sistema da Restauración (1917-1923).
Unha destas crises foi a militar. No outono de 1916 xorden en Barcelona  as Xuntas de Defensa militares. Eran asociacións de carácter corporativo formadas por oficiais de media e baixa graduación para defender os seus intereses en materia económica (texto III). Os salarios perderon poder adquisitivo e a situación económica dos oficiais era precaria polo que estas reivindicacións estendéronse a toda España desde Barcelona. Pedían a mellora da súa situación económica, o regulamento dos ascensos, a defensa do honor fronte aos ataques antimilitaristas e a represión contra o socialismo, anarquismo e separatismo nacionalista que xa se manifestara anteriormente (texto II).
O goberno disolveu as Xuntas e detivo os seus dirixentes, pero a solidariedade entre os oficiais e a súa rebelión obrigou a que o goberno as recoñecese. A partir de aí aumentou o seu peso na política e como o poder político era débil, os militareseran os que garantizaban a orde pública. Tamén fixo que aumentara o peso dos exércitos na opinión pública o impacto da I Guerra Mundial xa que foron garantes da liberdade.
Pero a problemática do exército español non se solucionaba só co aumento do seu prestixio xa que tiñan un orzamento escaso, un equipamento deficiente, exceso de oficiais e divisións internas. A partir de 1917 a inestabilidade política foi en aumento porque os gobernos eran débiles, medraban as actividades republicanas, aumentaba a conflitividade social e tamén medraban os movementos nacionalistas. Para culminar a situación, a guerra en Marrocos agrávase. No Rif as tropas españolas avanzan con dificultade, aumentan os gastos e o exército crea novos corpos específicos para a loita en Marrocos como era a Lexión (1920) e os Regulares. Isto non fixo mellorar a situación do exército que seguía sendo incapaz de controlar aquel territorio.
En 1921 o xeneral Silvestre quixo lanzar a ofensiva militar definitiva e, alentado polo rei, intentou ocupar Alhucemas. Non asegurou a retagarda e os rifeños de Abd-el-Krim atacárono e obrigárono a retirarse perdendo a maioría dos soldados.  Foi o desastre de Annual e os poucos soldados que quedaron refuxiáronse en Melilla. Aos poucos días o Rif proclamou a súa independencia.
Se o impacto do desastre do 98 fora grande, este veu profundizar nas feridas, a opinión pública incrementou a súa crítica á guerra e ao exército. Pediuse a depuración de responsabilidades e abriuse unha investigación sobre o comportamento dos militares (texto IV). Redactouse o Expediente Picasso e difundiuse a sospeita de que a operación do xeneral Silvestre fora avalada polo rei Afonso XIII, isto incrementou a oposición á monarquía dando pulo aos republicanos. Ante a acumulación de problemas só había dúas solucións que eran ou democratizarse ou aclamar a un salvador.
Optouse pola segunda  e en 1923 impúxose a ditadura de Primo de Rivera (texto V). Miguel Primo de Rivera, capitán xeneral de Cataluña, co apoio de persoeiros políticos e militares, dá un golpe de estado. Xustifican o acto pola situación do momento (guerra de Marrocos e crítica polo desastre de Annual, radicalización do nacionalismo catalán, crecemento do terrorismo, inestabilidade social,...) e decláranse como a solución a todos os problemas. Este é o primeiro golpe de estado do século XX e o xeneral Primo de Rivera preséntase a si mesmo como o rexenerador da vida pública e o solucionador de todos os problemas. O caso é que os militares toman o poder.