venres, 11 de maio de 2018

IRMÁUS, Celso Emilio

"Irmáus"

 Ferreiro, Celso Emilio, Longa noite de pedra.



Introdución.

Pertence ao libro Longa noite de pedra (1962). Os poemas deste libro foron escritos desde 1936, algúns mentres estivo preso no convento de Celanova. 
O título do libro, que tamén é o título do primeiro poema, simboliza a situación social, política e histórica de Galicia e España durante a ditadura franquista.
Pertence á liña social da súa poesía e ten como tema principal a denuncia da situación de inxustiza e opresión que se vive baixo o réxime franquista.




Tema.

No poema faise unha apelación á solidariedade. É un canto solidario co ser humano de calquera latitude que estea a padecer dor, opresión ou sexa vítima das desigualdades sociais. Celso Emilio, como home de ideas marxistas, ergue a súa voz nun canto de solidariedade internacional reivindicando a irmandade de todos os que estean unidos por calquera tipo de sufrimento.


Estrutura.

Poema de 22 versos libres cun estilo directo (fáloche a ti) e claro.

- V. 1-6: a voz poética é solidaria con todos os cidadáns do mundo, aínda que non coñece nin sequera os que van ao seu carón.

- V. 7-10: solidarízase con todos os que padecen calamidades e falta de liberdade.

- V. 11-14: aínda que estan separados pola lingua, están unidos polo sufrimento.

- V. 15-18: séntese solidaria, por riba das fronteiras, con todos os que teñen como soño a liberdade.

- V. 19-22:  manifesta o seu compromiso internacionalista: temos unha patria común e debemos estar unidos na loita pola consecución da liberdade.

A voz poética diríxese a un "ti" colectivo: a todos os cidadáns do mundo que teñen en común as coitas e tamén os ideais, máis alá de razas, fronteiras, patrias ou linguas que os arredan.


Recursos estilísticos.

  • Metáfora: V. 7 "se é túa a miña noite", a noite é a falta de liberdade, opresión.
  • Emprego do condicional: "se é túa, se os nosos berros, se temos semellantes" para delimitar a quen se dirixe, só ten como receptores eses que sofren.

  • Paralelismo: V. 15-16.
  • Anáfora: V. 4-5, V. 7-8-9-13-17, V. 19-20.
  • Retrouso ou refrán: "coma un irmáu che falo" repítese ao final de cada agrupación de versos.
Estes tres últimos recursos de repetición danlle unidade á composición e reiteran a idea focal: solidariedade entre todos os que sofren.