luns, 28 de marzo de 2016

España en democracia.

                                                    TEMA 10.  España en democracia

Esquema

1. A transición democrática
1.- Proclamación e coroación do rei Xoán Carlos I
2.- O primeiro goberno da monarquía
3.- Adolfo Suárez e o inicio das reformas
§  O programa de reformas de Adolfo Suárez
§  A lei para a reforma política (LRP)
§  As primeiras eleccións democráticas
2. A Constitución de 1978
                1.- Características e principios
                2.- Dereitos e deberes
                3.- Os poderes do Estado
§  A Coroa
§  As Cortes xerais
§  O poder xudicial
3. Os gobernos de UCD. 1977 – 1982
                1.- Os gobernos de Adolfo Suárez. 1977 – 1981
§  As medidas do programa de centro
§  O proceso autonómico
§  As dificultades de UCD e a dimisión de Suárez
2.- o goberno de Leopoldo Calvo Sotelo. 1981 – 1982
§  O intento de golpe de Estado do 23 F
§  A continuidade do proxecto de UCD

4. Os gobernos socialistas de Filipe González. 1982 – 1996
                1.- Integración de España na política internacional
                2.- O Estado do benestar
                3.- Axuste e reactivación económica
                4.- O cambio sociocultural
                5.- Escándalos e desprestixio socialista
5. Os gobernos conservadores de Xosé María Aznar. 1996 – 2004
                1.- Crecemento, privatización e moeda única
                2.- Reformas do programa conservador
                3.- A guerra de Iraq e o terrorismo islamista
6. Os gobernos socialistas de Xosé Luís Rodríguez Zapatero. 2004 – 2011
                1.- Reformas do programa socialista
                2.- A nova sociedade española


                                                   


                                          España en democracia

1. A transición democrática.  1975 – 1977

“A oposición ao réxime franquista medrou, os últimos anos do franquismo foron os máis axitados. A prosperidade  económica dos sesenta fixo xurdir unha ansia de cambio e de liberdade. Ata nas filas franquistas xurdiron sectores que desexaban unha apertura. A crise económica do 73, a morte de Carrero Blanco e a mala saúde de Franco incrementan a actividade da oposición: organízanse grupos políticos e intelectuais; unha parte do exército é  partidaria dun réxime democrático; obreiros e universitarios realizan folgas e manifestacións; hai atentados terroristas. Ademais, desde o exterior, os partidos e organizacións antifranquistas inician un proceso para restablecer a democracia en España. Sucédense os contactos entre PSOE e PCE e como resultado, constitúese a Plataforma Democrática (outubro do 75); ao mesmo tempo, Filipe González é elixido secretario xeral do PSOE”.
Tras a morte de Franco (1975), iníciase en España a transición democrática, que culmina coa aprobación da Constitución do 78. As principais forzas parlamentarias practicaron unha política moderada e de consenso e o rei Xoán Carlos I facilitou e potenciou a democratización de España. Este proceso de democratización foi un proceso gradual que permitiu a desaparición pacífica das institucións franquistas. Os cambios, ademais, son lexitimados mediante consulta popular (eleccións do 77, son as primeiras eleccións democráticas desde o 36,  e Constitución do 78). España é, grazas a este proceso, desde 1978 un Estado democrático e a súa forma política é a monarquía parlamentaria baseada na soberanía nacional, a liberdade, o pluralismo ideolóxico e a convivencia democrática.
1.- Proclamación e coroación do rei Xoán Carlos I
 Seguindo as disposicións de Franco, Xoán Carlos I é proclamado rei de España o 22 de decembro de 1975 e coroado o 27. Accedía ao trono coa desconfianza da oposición democrática que vía nel un continuador da obra de Franco. Tamén era rei desde a legalidade, pero os dereitos dinásticos correspondíanlle a seu pai, don Xoán, quen renunciou a eles en 1977.
2.- O primeiro goberno da Monarquía

O rei mantivo como presidente do goberno a Carlos Arias Navarro e a súa política foi continuísta do modelo franquista, o mesmo modelo, pero concedendo algúns dereitos.
As forzas da oposición esixían o restablecemento inmediato da democracia e fusionáronse na Coordinación Democrática e redactou un programa que foi aceptado pola maioría das forzas políticas. O goberno de Arias e o búnker franquista (os máis pechados a calquera tipo de cambio) paraliza todo intento de reforma. Ademais, nas rúas, a conflitividade laboral ía en aumento. Ante a ineficacia do goberno de Arias Navarro para afrontar as reformas necesarias, presionado polo rei, Arias Navarro presenta a súa dimisión o 1 de xullo de 1976.

3.- Adolfo Suárez e o inicio das reformas

O rei designa a Adolfo Suárez como presidente en xullo de 1976. O seu pasado, con diferentes cargos no franquismo, fai penar á oposición que todo ía seguir igual, pero Suárez nun discurso do que o  seu obxectivo é democratizar o país e anuncia a celebración de eleccións xerais. Suárez adopta unha serie de medidas reformistas entre as que podemos citar:
  • Renuncia da Coroa ao privilexio de presentar bispos.
  • Aprobación dunha amnistía para presos políticos, agás os acusados de terrorismo.
  • Ampliación da liberdade de expresión
  • Negociacións para a legalización de forzas políticas e sindicais.
 Reunido cos militares, a cúpula militar aceptou a reforma coa condición de que non se legalizase o Partido Comunista.
Suárez atópase coa oposición de políticos franquistas e grupos de extrema dereita contrarios a todo tipo de cambios, por unha banda e pola outra, a organización nacionalista vasca ETA e o grupo de extrema esquerda GRAPO (Grupos de Resistencia Antifascista Primeiro de Outubro).
  • A Lei para a Reforma Política (LRP)
Era a culminación do programa de reformas. O obxectivo de Suárez era convocar unhas eleccións democráticas para formar novas Cortes. Consegue que o seu proxecto sexa aprobado polas institucións franquistas (Consello Nacional do Movemento) sen alterar a paz social, as Cortes franquistas votan favorablemente a súa propia disolución.
A LRP foi aprobada en refendo en decembro do 76, ábrese así o camiño reformista proposto por Suárez. Para complementar esta lei tómanse outras medidas como:
- regulamentación do dereito á folga,
- novo indulto a presos políticos,
- legalización das centrais sindicais e
- disolución do Movemento Nacional.
  • As primeiras eleccións democráticas
 Na preparación destas eleccións , Suárez tívose que enfrontar a numerosas dificultades.
  • A reacción da extrema dereita e da extrema esquerda (semana negra da transición: asasinato de policías e gardas civís pola esquerda; asasinato de avogados laboralistas, matanza de Atocha, pola extrema dereita).
  • A legalización do partido comunista (PCE). Para que as eleccións fosen realmente democráticas tiña que ser legalizado antes o PCE. Tras un proceso de negociación con Carrillo e co beneplácito do rei, é legalizado en abril de 1977. O PCE acepta as peticións de Suárez: monarquía como forma de goberno, bandeira bicolor, a unidade de España e a democracia. Aínda así, sectores do exército están molestos.

Ese mesmo día o Goberno fai o anuncio: as eleccións xerais fíxanse para o 15 de xuño de 1977.
  • Ao tempo, regresan moitos dos exiliados (Alberti, Dores Ibárruri “Pasionaria”, Luís Seoane,…)
·         Os partidos agrupáronse por afinidade ideolóxica, pero aínda así, as propostas son moitas e fálase de sopa de siglas. As forzas de centro formaron a coalición UCD (Unión de Centro Democrático), liderada por A. Suárez. Manuel Fraga aglutina a dereita en Alianza Popular (AP); os socialistas preséntanse divididos: PSOE, con Filipe González á fronte e o PSP, liderado por Tierno Galván. O PCE preséntase en solitario, o seu líder é Santiago Carrillo.
·         A normativa electoral establece que as candidaturas ao Congreso elaboradas polos partidos teñen que ser completas e pechadas (listas pechadas, votas a todos os desa candidatura) e para o Senado son individuais, pero dentro do partido. A elección faise por criterios proporcionais corrixidos pola regra D´Hont.
·          Nas eleccións, UCD consegue a vitoria, o PSOE é a segunda forza, o PCE, terceira e AP, cuarta. Tamén tiveron escanos as forzas nacionalistas vascas e catalás. Nin a extrema esquerda nin a extrema dereita lograron escanos.
2. A Constitución de 1978
As Cortes formadas logo das eleccións do 77 tiñan como misión elaborar unha Constitución para o novo modelo de Estado, España monárquica e democrática.
1.- Características e principios
Constitúese unha comisión de 7 deputados, encargada de redactala. Foi aprobada en referendo o 6 de decembro de 1978 e posteriormente sancionada polo rei e publicada no BOE.

Características da Constitución do 78:
  • Consenso: resultado do acordo entre os distintos partidos políticos con proxectos incluso antagónicos. Este consenso é consecuencia da incapacidade das diferentes forzas políticas de impoñerse.
  •  É a máis longa de todas as Constitucións españolas.
  • Ambigüidade: permite distintas interpretacións. Para algúns é un inconveniente; para outros, a súa principal virtude, xa que permite gobernar á dereita e á esquerda sen modificala.
  • Rixidez: para cambiala hai que contar co voto favorable dos 3/5 das dúas Cámaras.
  • Progresista e democrática: establece mecanismos de participación popular.
  •  Está organizada en dúas partes diferenciadas: dogmática (principios e dereitos)e orgánica (organización do Estado).
Parte dogmática, principios da Constitución do 78: recolle os principios que deben inspirar o desenvolvemento da sociedade e do Estado, así como o conxunto de dereitos fundamentais da persoa.

  •  España defínese como un Estado social e democrático de Dereito. Todos os individuos e organismos están supeditados á Constitución e ao ordenamento xurídico (ás leis españolas). Establécese a participación cidadá, a soberanía reside no pobo e os poderes públicos deben garantir os dereitos sociais como vivenda, educación, sanidade, traballo,…
  •  Forma política do Estado: monarquía parlamentaria.
  • Modelo de Estado: España é un estado unitario que recoñece o dereito á autonomía das rexións que o integran. Nace o novo modelo: o Estado das Autonomías.
  • O castelán e as demais linguas españolas son oficiais nas respectivas Comunidades autónomas.
  • Recoñece a pluralidade política e sindical. Pode haber múltiples partidos, sindicatos e organizacións empresariais.
2.- Dereitos e deberes
A Constitución do 78 dedica o Título máis longo aos dereitos dos españois.

Os dereitos agrúpanse en:
  • Civís: dereito á vida, á integridade física, á igualdade ante a lei, á liberdade (persoal, relixiosa, de empresa, de culto,… Queda prohibida a tortura e a pena de morte.
  • Políticos :liberdade de expresión sen censura, dereito a reunirse, a asociarse, a manifestarse, á folga,…
  • Sociais: dereito ao traballo, a un salario digno, á igualdade de xénero,…
Para garantir estes dereitos están os tribunais, sendo o máis alto o Tribunal Constitucional e contamos tamén co Defensor do Pobo.
Entre os deberes destacan a defensa da Patria e a contribución ao gasto público en función da capacidade económica de cada un (pagar impostos)

Parte orgánica da Constitución do 78: recolle a organización do Estado, establece a división dos poderes e a organización territorial.

3.- Os poderes do Estado
A Constitución deseña un Estado unitario que traspasa poderes ás Comunidades Autónomas, provincias e concellos, é un poder político compartido.
  • A Coroa
Representada polo Rei. É o xefe do Estado pero, o seu poder é limitado: o rei reina, pero non goberna. A Constitución regulamenta as súas funcións: sanciona as leis elaboradas polas Cortes, convoca e disolve as Cortes, convoca eleccións a proposta do goberno, exerce o mando superior das forzas armadas,…
  • As Cortes xerais
Formadas polas dúas cámaras: Congreso de Deputados e Senado. Os cidadáns elixen os seus representantes na súa circunscrición electoral que é a provincia cada catro anos. As Cortes teñen a función lexislativa, pero en casos excepcionais o pobo pode ser consultado en referendo.
  • O Goberno: ten o poder executivo. Formado polo presidente e os ministros.
  •  Poder xudicial: xuíces e tribunais de xustiza. Os cidadáns poden participar na administración de xustiza a través do xurado popular. A xustiza é gratuíta para os que carezan de recursos. Está organizada no Consello Xeral do Poder Xudicial, Tribunal Supremo e Tribunal Constitucional.
  • Comunidades Autónomas: A Constitución establece un novo modelo de Estado: o Estado de Autonomías. Cada unha das dezasete comunidades (constituídas entre 1979 e 1983) posúe os seus correspondentes órganos de goberno coa capacidade lexislativa concedida polos seus Estatutos de Autonomía. É unha forma mixta entre estado unitario e federal.
3. Os gobernos de UCD. 1977 - 1982

As vitorias da UCD nas eleccións a Cortes constituíntes no 1977 e nas xerais do 79 permitiron gobernar a Suárez.

1.- Gobernos de Adolfo Suárez. (1977-1981).
Adolfo Suárez, líder da UCD, tivo como obxectivo democratizar a vida española. Entre as medidas adoptadas, destacan:
ü  A reforma o exército: adáptase a lexislación militar á Constitución.
ü  Pactos da Moncloa: acordo asinado no 77 por sindicatos, empresarios e partidos políticos co fin de consolidar a democracia de forma pacífica e adoptar medidas para afrontar a crise económica que se viña arrastrando desde finais do franquismo. A aplicación dos acordos é positiva xa que se reduce a inflación e normalízase a democracia ao celebrarse eleccións sindicais.
ü  Iníciase a reforma fiscal, introdúcese o imposto sobre as persoas físicas e o seu patrimonio (IRPF).
ü   Inícianse as xestións para entrar na CEE (Comunidade Económica Europea), novos acordos co Vaticano,…
  • O proceso autonómico
De acordo coa Constitución, entre 1979 e 1983 o Estado español queda dividido en 17 Comunidades Autónomas rexidas por cadanseu Estatuto de Autonomía. A Constitución estableceu dúas vías para acceder á autonomía: o artigo 151, pensado para as comunidades históricas (Galicia, Cataluña e País Vasco) que xa gozaran de autonomía na II República e que permitía un autogoberno rápido e con maiores cotas de competencias e autogoberno. A outra vía era máis lenta e con menos competencias segundo o artigo 143. Para harmonizar o proceso autonómico establecéronse uns puntos básicos comúns.
ü  Cataluña foi a primeira en retomar a autonomía. No 77 regresa do exilio o presidente da Generalitat, Xosé Tarradellas, sendo recibido multitudinariamente. A coalición CiU (Converxencia Democrática de Cataluña e Unión Democrática de Cataluña) gañou as eleccións de 1980 e é nomeado presidente Jordi Pujol.
ü  No País Vasco tamén se reiniciou o proceso autonómico moi pronto. O seu estatuto recoñece as peculiaridades como o seu sistema foral (concerto económico e recadación dos seus impostos). O PNV foi o partido máis votado no 80. Pero había tensións porque o nacionalismo radical non aceptaba a Constitución e a esquerda abertzale agrúpase na Alternativa KAS (Koordinadora Abertzale Socialista). Ademais  hai outro problema vinculado co nacionalismo abertzale: o terrorismo de ETA. Asasina policías, gardas civís, xuíces,… porque quere obrigar o Goberno a conceder a independencia mediante a loita armada. Tamén se incrementa a protesta nas rúas mediante accións violentas (kale borroka).
ü  En Galicia tamén se accede á autonomía como comunidade histórica, pero os partidos nacionalistas non obteñen representación nas Cortes ata 1996.
Na transición democrática os partidos reorganízanse e así temos partidos nacionais como UCD, AP, PSOE, PCE e outros nacionalistas como a UPG, o PSG ou o BN-PG, antecesor do BNG.
O Estatuto de Autonomía é aprobado en 1980 e o goberno pasa ao Parlamento de Galicia e á Xunta. Houbo cinco presidentes: Xerardo Fernández Albor (AP), Fernando González Laxe (PSdeG-PSOE), Manuel Fraga Iribarne (PP), Emilio Pérez Touriño (PSdeG-PSOE e BNG) e Alberte Núñez Feijoo (PP).
Un dos problemas e Galicia é que a súa poboación está estancada e, como consecuencia tende ao avellentamento. A poboación concéntrase na faixa costeira, deixando un interior rural despoboado e con moita xente maior.
Galicia é unha comunidade que pertence ás rexións periféricas de Europa e polo seu atraso económico e social recibe as axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento (FEDER). Os sectores produtivos presentan moitos problemas.
O sector agrario  presenta moitas carencias: minifundio, falta de mecanización e despoboación do rural, non hai quen se dedique á agricultura por non ser un sector rendible. O sector agrario perde peso, déixanse terras sen traballar  porque os prezos son baixos e as industrias impoñen cotas á produción de leite e carne. Hai cooperativas de produción como COREN ou Feiraco.
O sector industrial tamén sufriu a reconversión, especialmente o sector naval. Deixáronse de facer barcos pola competencia de países asiáticos e porque o sector público e militar deixou de investir aquí.
Hai industria do automóbil en Vigo (Citroen), de conservas de pesca (Calvo, Jealsa, Pescanova)e auxe no téxtil (Inditex, Verino, Caramelo,…)
No sector enerxético hai produción hidroeléctrica, térmica e eólica, pero a maior parte das empresas non son galegas.
No sector servizos hai un crecemento, pero sen acadar o nivel europeo. Hai grandes superficies comerciais, turismo e servizos varios como coidadores de maiores e funcionarios.
Polo que respecta ás infraestruturas contamos con autovías, tres aeroportos, portos ben preparados e pronto comezará a operar a alta velocidade. Isto vén paliar o atraso que se padeceu ata este momento.
ü  En Andalucía, mediante referendo, esixiron o acceso á autonomía polo artigo 151 coma as comunidades históricas para lograr incrementar as súas competencias. O seu estatuto foi aprobado en 1981.


  • As dificultades de UCD e a dimisión de Suárez
As diferenzas ideolóxicas entre os partidos integrantes da coalición de UCD fan que aumenten as tensións internas. Isto, unido á crise económica que padece o país, fai que Adolfo Suárez perda o seu liderado. O PSOE e o seu líder Filipe González, presenta unha moción de censura, non prospera, pero é un sinal de falta de consenso no goberno. Ante o temor de que a súa falta de liderado teña consecuencias negativas para o país, Suárez presenta a súa dimisión en xaneiro de 1981. Agora recoñéceselle a Suárez o seu labor e acerto.
2.- O goberno de Leopoldo Calvo Sotelo. 1981 – 1982
Calvo Sotelo, ministro de Suárez, substitúeo como presidente do Goberno.
  • O intento de golpe de Estado do 23 F
Na primeira votación, non obtén a maioría; durante a segunda volta prodúcese o golpe de estado do 23 de febreiro de 1981. Este é o feito máis grave da nova democracia española. O tenente coronel da Garda Civil Antonio Tejero asalta o Congreso mentres están alí reunidos os parlamentarios. Pistola en man mantenos como reféns esperando que se sumen outras unidades militares e así volver a unha ditadura. O tenente coronel Antonio Tejero, xunto con membros da garda civil, segue nas Cortes; en Valencia o exército sacou os tanques á rúa; con todo, os xefes do exército das restantes rexións militares non secundan esta acción. Ademais, a actuación do rei é clave na resolución do conflito. Trala mensaxe televisada do rei, a situación queda controlada.
  • A continuidade do proxecto de UCD
Despois do intento de golpe  de estado, Calvo Sotelo é elixido presidente o 25 de febreiro do 81e permanece no goberno pouco máis dun ano. Desenvólvense varias iniciativas como a lei do divorcio ou a do Defensor do Pobo, pero a que máis destaca é a da entrada de España na OTAN (oponse o PSOE que usa este feito para acosar e derribar o goberno). Ante o incremento da oposición, os problemas internos da UCD e a falta de solucións aos problemas económicos, Calvo Sotelo ten que disolver as Cortes e convocar eleccións. Nestas, o PSOE obtén a maioría. Iníciase a etapa dos gobernos socialistas de Filipe González.
4. Os gobernos socialistas de Filipe González. (1982-1996)
O triunfo en catro eleccións permitiu que os socialistas gobernasen desde o 82 ao 96, ben con maioría absoluta, ben co apoio do nacionalismo vasco e catalán. Os gobernos socialistas caracterízanse pola moderación política semellante á socialdemocracia europea.
1.- Integración de España na política internacional
Os gobernos socialistas consolidan definitivamente a presenza de España nos organismos internacionais.
  • España entra a formar parte da CEE. É membro de pleno dereito o 1 de xaneiro de 1986. Isto supuxo maior estabilidade económica e a chegada de axudas para paliar o atraso en infraestruturas e sectores produtivos. Tamén trouxo problemas para o sector pesqueiro e do agro porque se impuxeron limitacións á produción de leite, viño, aceite,…
  • España entra na OTAN. Entrara co goberno de Calvo Sotelo e coa oposición do PSOE que sinalaban que eran antimilitaristas e estar na OTAN era ser gregarios dos EEUU. Agora cambian de postura e para tapar o seu cambio de postura propoñen un referendo. Piden o voto ao si á OTAN que vence co 51% dos sufraxios. España intégrase na OTAN, pero non se permite que haxa armas nucleares e pídese que se reduza progresivamente a presenza das forzas americanas nas bases que teñen en España.
  • O novo exército e as misións internacionais. No 84 apróbase a Lei Orgánica de Defensa na que se consagra a primacía do poder civil sobre o militar. Regúlase a obxección de conciencia (non ir ao exército por razóns pacifistas e facer a cambio servizos sociais) e a participación das tropas españolas en misións no estranxeiro baixo mandato da ONU ou OTAN.
2.- O Estado do benestar
Consolídase o chamado Estado do benestar xa que aumentan os orzamentos dedicados a gasto social. Tómanse medidas como:
·         Extensión e aumento das prestacións sociais: asistencia sanitaria para todos, establecemento de pensións non-contributivas para os que non cotizaron, revalorización das pensións conforme ao IPC.
·          Reforma e democratización da educación: obrigatoriedade ata os dezaseis anos, autonomía universitaria, gratuidade no ensino primario e medio,…
·          Refórmanse as leis para adaptalas á Constitución: despenalización do aborto, novo Código Penal que tipifica novos delitos como acoso sexual,branqueo de capitais, conduta temeraria, agresións ao medio ambiente, publicidade enganosa,…
3.- Axuste e reactivación económica
 Ademais, os socialistas levaron a cabo importantes reformas que permitiron a España alcanzar elevados niveis de desenvolvemento, cun crecemento económico importante que nos aproximaba aos países europeos. Na política económica hai varias fases:
  • Política de axuste: entre 1982 e 1985 ten lugar unha política de reconversión industrial. Afecta ao sector naval, mineiro e siderúrxico, prexudicados pola crise e a competencia estranxeira. Isto supuxo peche de empresas ou recorte da súa capacidade produtiva co que aumenta o desemprego e o desmantelamento  industrial. Houbo folgas e manifestacións e para paliar estas consecuencias potenciase o PER (Plan de Emprego Rural) do campo andaluz e deséñanse as ZUR (Zonas de Urxente Reindustrialización) nas zonas máis afectadas (Ferrol, Asturias, Sagunto,…)
  • Crecemento económico. Entre 1985 e 1990 España participa do crecemento económico que impulsa o contexto internacional. Aumentan os ingresos por turismo, a Bolsa e a banca producen cuantiosos beneficios, o petróleo non está caro,… pero isto non se traduce en mellores salarios para os obreiros. Así, o sindicato UXT, irmán do PSOE, convoca folgas xerais contra o goberno (a primeira no 88) e ten lugar a distanciamento entre as dúas organizacións.
  • Recesión: do 1991 ao 1993 prodúcese unha caída da demanda, unha desaceleración na produción, un aumento do déficit público, peche de empresas e paro.
  • Novo crecemento: entre 1993 e 1996 as medidas adoptadas dan resultado e a economía española volve ser competitiva aínda que o paro segue a ser moi alto. Sóbese o IVE, privatízanse empresas, desvalorízase a peseta, refórmase o mercado laboral, hai máis traballo temporal e despoidos máis baratos, pero a economía tira do carro.
4.- O cambio sociocultural
Tamén se produce un cambio na sociedade española, reducíndose as diferenzas coas sociedades dos países europeos occidentais (sociedade máis igualitaria, máis preparada, incorpórase a muller ao mundo laboral,…
Descende o número de matrimonios e a taxa de natalidade, pero a familia segue sendo a cédula de organización social.
Hai no 92 dous acontecementos que axudan a colocar a España como país avanzado: a Exposición de Sevilla (cincocentos anos da descuberta de América) e os Xogos Olímpicos de Barcelona.
5.- Escándalos e desprestixio socialista
As maiorías absolutas e o escaso control da oposición fixeron que os gobernos fosen estables, pero tamén que xurdisen escándalos políticos como:
  • Cargos nomeados polo PSOE aproveitan o seu posto para favorecer a amigos ou quedarse con diñeiro público.
  • O financiamento dos partidos políticos en España é bastante opaco e así xorden casos de financiamento ilegal.
  • Terrorismo de Estado, para loitar contra ETA e asustar os seus membros créase os GAL (Grupos Antiterroristas de Liberación) que contaban co apoio dos políticos e policía.
Ante todo isto a oposición intensifica o seu labor de denuncia e Filipe González decide adiantar as eleccións a marzo de 1996.
5. Os gobernos conservadores de Xosé María Aznar. 1996 – 2004
O Partido Popular, fundado a partir de Alianza Popular, gaña as eleccións do 96 e o seu líder, Aznar, é investido presidente do goberno grazas ao apoio de CIU, PNV e Coalición Canaria.Así consolídase a alternancia política democrática en España.
1.-  Crecemento, privatización e moeda única
Durante os gobernos do PP o desenvolvemento económico caracterízase por:
  • Forte crecemento económico: favorecido polo contexto de crecemento internacional, en España tamén se medra grazas a medidas como:
ü  redución do gasto público,
ü  privatización de empresas (Telefónica, Argentaria, Repsol, Endesa,…),
ü  liberalización de mercados, aínda segue a haber oligopolios,
ü  moderación salarial e flexibilidade do mercado laboral,
ü  diminución dos tipos de xuros e de impostos.
Con isto a economía española reduce as diferenzas e intégrase na europea.
2.- Reformas do programa conservador
De acordo co seu programa electoral o PP leva a cabo moitas reformas de corte conservador e de centrodereita, sobre todo entre 2000 e 2004 cando ten maioría absoluta. Algunhas reformas son:
  • Introdúcense novos delitos no código Civil: delitos de menores, de violencia de xénero, informáticos,…
  • O exército, suprímese o servizo militar obrigatorio e faise profesional.
  • Novas leis de educación que favorecen o ensino concertado.
  • Eliminación dos Gobernos Civís, substituídos por Delegacións do goberno.
  • Incremento das competencias das comunidades autónomas, sobre todo, cando precisaban dos seus apoios (vascos e cataláns).
  • No problema vasco, ETA declara treguas para solicitar o achegamento dos presos, pero as conversan fracasan. Faise unha Lei de Partidos para impedir que os abertzales cheguen ás institucións.
3.- A guerra de Iraq e o terrorismo islamista
Despois dos atentados ás Torres xemelgas en 2001, os EEUU reaccionaron cunha política agresiva. O goberno de Aznar apoia esta política militarista e envía tropas a Iraq porque é acusado de ter armas de destrución masiva (cumio dos Azores). Hai masivas manifestacións contra a participación nesta guerra, pero o goberno non fai caso.
Os terroristas islamistas ameazan a España por participar nesa guerra e en marzo de 2004, en plena campaña electoral, catro trens sofren un ataque terrorista. Nun primeiro momento o goberno di que é obra de ETA, pero despois, xa con datos, segue mentido ao non recoñecer que é obra dos islamistas.
Tres días despois perde o PP a súa maioría nas eleccións.
6. Os gobernos socialistas de Xosé Luís Rodríguez Zapatero. 2004 – 2011
Nas eleccións de marzo de 2004 triúnfa o PSOE sendo presidente Zapatero. Revalida en 2008 o seu triúnfo.
1.-  Reformas da política socialista
Seguindo o seu programa os gobernos de Zapatero levaron acabo estas reformas:
·         En política exterior distánciase da política dos EEUU e do seu presidente Bush. Retira as tropas de Iraq e promove a Alianza de Civilizacións.
·         Incremento da presenza de mulleres na política, hai plena igualdade e paridade de homes e mulleres no goberno.
·         Novas leis sociais como a de violencia de xénero, a de reprodución asistida, a lei de dependencia, a lei da memoria histórica para resarcir as vítimas do franquismo,…
·         Reformas de Estatutos de autonomía, a de financiamento autonómico.
·         O terrorismo. Dialogouse coa ETA ata conseguir que anunciase unha tregua definitiva, pero sen entregar as armas.
·         A crise. De 2004 a 2008 a economía española medra, pero ten problemas que se agravan na lexislatura vindeira. España entra en recesión, o boom inmobiliario estala e España ten problemas para financiarse.
Ante estes problemas adiántanse as elección a 2011, o PSOE perde a maioría e gaña o PP con Rajoy.
2.- A nova sociedade española
Desde o 2000 a sociedade española vai cambiando, destacando:

  • O crecemento da poboación: aumenta a poboación, concéntrase nas cidades e foxe do rural.
  • Incorporación masiva de inmigrantes: o crecemento económico fai que veña man de obra barata. Problemas nas fronteiras, sobre todo en Ceuta e Melilla, chegan en pateras miles de indocumentados.
  • Novos modelos de familia: familias monoparentais e  de homosexuais.
  • Telecomunicacións e informática: comunicación e ocio con Internet.
  • Organización da sociedade civil: concienciación social e axuda a quen menos ten mediante as ONG.