xoves, 26 de novembro de 2015

Island e solpores...


Man que escribiu no mar

Pura Vázquez

     V


Illa de verdes cabeleiras
por cenitais ceos asomándote.
Os solpores emérxente das tébras,
do cobre, os lilas, brancos e morados.

Porta de albeiros déitaste en preguiza,
co esplendor das florestas rodeándote.
Cinguida á brisa. Os lóstregos. O vento.
Lume da tarde constelando as ondas.

Dalgún lugar dornas e velas surcan
polos soños e as roitas a engadarte.
Dalgún país emerxes. Sobrevives
co froito das mazairas. As silvestres
flores. O olor de ortigas e codesos.
Silveirais callando amoras negras...

Soedade onde pululan paxariños.
Rocha onde dormen verdes gazamalos
no crepitante sol. Na azul maleza.



sábado, 18 de xullo de 2015

O PAPEL DO EXÉRCITO NA POLÍTICA ESPAÑOLA DA RESTAURACIÓN. Xuño 2014

O exército español tivo un papel central na política española da Restauración.
Rematada a Guerra da Independencia (1814) gran parte dos xefes militares apoian o restablecemento do absolutismo na persoa de Fernando VII. Con todo, as forzas liberais, fundamentalmente os mandos militares procedentes das guerrillas e a burguesía, intentan forzar o rei para que acepte o sistema liberal.
Para isto recorren á conspiración e aos pronunciamentos. Un pronunciamento é o levantamento de parte do exército que se declara partidario de que a monarquía absolutista sexa substituída por unha monarquía liberal inspirada nos principios da Constitución de Cádiz de 1812.
Os sucesivos intentos que realizaron estes militares liberais fracasaron, sendo a meirande parte dos seus organizadores detidos e executados.
Un destes pronunciamentos foi o do xeneral Riego en 1820. Riego proclamou en Sevilla o restablecemento da Constitución de 1812. Ao comezo contou co apoio dunha mínima parte do exército, pero en febreiro a maior parte das tropas da Coruña secundárono e detiveron as autoridades realistas. Nomearon unha Xunta de Goberno de Galicia e o seu exemplo foi seguido en distintos lugares de España. 
O triunfo dos revolucionarios calla e en España dáse paso ao Trienio Liberal (1820-1823).
Esta revolución asombra a Europa, pero o medo á súa extensión polo continente fai que as potencias europeas interveñan en España -Cen mil fillos de San Luís- e restauren o absolutismo (Década Ominosa, 1823-1833). Moitos líderes liberais foron executados (Riego, Empecinado) e outros tiveron que ir ao exilio.
Deica este momento o prestixio do exército español era moi grande: interviña na política, era quen de manter a orde dentro e fóra do territorio peninsular, era ben aceptado pola poboación,... Mais a partir de agora o prestixio do exército español vai decaendo porque se están a producir as guerras de independencia das colonias latinoamericanas e hai fondas divisións no seu seo. 
Desde 1816 coa independencia da Arxentina ata 1824 coa do Perú e Bolivia, foron acadando todos os territorios da América Latina a súa independencia sen que os nosos exércitos fosen quen de parar esa vaga.
Para máis, após a morte de Fernando VII, a súa muller María Cristina converteuse en rexente ata a maioría de idade da súa filla Sabela II. O exército español divídese novamente: uns son partidarios da Rexente e outros adhírense ao bando carlista (partidarios do príncipe Carlos, irmán do rei morto).
A primeira Guerra Carlista (1833-1839) desenvólvese nas provincias vascas, Navarra, norte de Cataluña e no Maestrazgo. A superioridade do exército de sabela II obriga os Carlistas, representados polo xeneral Maroto, a asinar en 1839 o Convenio de Vergara. Rematan as hostilidades, pero Carlos de Borbón non recoñece o acordo e a guerra segue dirixida polo xeneral Cabrera. Os focos de resistencia son cada vez menores, pero o exército español está debilitado.
En 1836, aproveitando esta debilidade, triunfan os motíns populares e o pronunciamento das tropas liberais. Isto permite o acceso ao goberno dos liberais, convócanse Cortes Constituíntes e alabórase a Constitución de 1873 que adopta os principios do liberalismo progresista. Nesta Constitución e referido ao exército, restablécese a Milicia Nacional. Este restablecemento é moi importante porque, cando en 1840 a raíña lles dá o poder aos moderados, os progresistas coa axuda da Milicia Nacional protagonizan varios motíns e levantamentos. Liderados polo xeneral Espartero, os progresistas pretenden establecer unha correxencia. A raíña non acepta, renuncia e exíliase, polo tanto Espartero convértese en rexente. Os problemas para Espartero xorden cando aproba a Lei Paccionada (1841) dando concesións a Navarra e rompendo, con isto, o principio liberal da unidade institucional do Estado. O triunfo de diversos pronunciamentos obrigan a espartero a renunciar e a exiliarse en Londres.
O novo goberno moderado está dirixido polo xeneral Narváez e o primeiro que fai é disolver a Milicia Nacional. Entramos na etapa da Década Moderada (1843-1854) do reinado de Sabela II. Nesta etapa destaca a creación da Garda Civil que, aínda que non pertence ao exército, é unha nova institución militar que substitúe á Milicia Nacional. O seu cometido era controlar as masas populares e manter a orde pública.
Os sectores progresistas da sociedade, ao non poder acceder ao goberno, seguen organizando pronunciamentos. Case todos eles fracasan. Destacamos o de Solís no ano 1846 en Galicia que remat co fusilamento dos seus líderes. Son os Mártires de Carral, pero a súa semente xermolará nas ideas provincialistas (é o inicio do que será o nacionalismo).
A división do exército do exército tamén favorece unha nova sublevación dos Carlistas. Esta liorta desenvólvese en Cataluña entre 1846 e 1849. a represión foi moi dura e o descontento medra.
No final do reinado de Sabela II quérese prestixiar a monarquía e para iso lévase o exército a unha serie de empresas no estranxeiro. Nestas encomendas non obtén éxito porque non estaba ben preparado nin forza para enfrontarse a ninguén. Destacan as operacións na Cochinchina (1857, 1862), Marrocos (1859-1860), México, Santo Domingo, Perú, Chile (1862-1871).
O descontento da xente medra e, en 1868, a unión de progresistas, demócratas e unionistas fai triunfar a revolución. É a Revolución Gloriosa. As tropas da mariña pronúncianse en Cádiz (Prim, Serrano, Topete...) e despois de vencer as tropas leais á raíña en Córdoba, proclámanse Xuntas revolucionarias e a raíña foxe ao exilio.
As novas Cortes Constituíntes elaboran a Constitución de 1869, inspirada nos principios do liberalismo democrático. Nesta Constitución non se falaba expresamente do exército, pero este sempre estivo pendente de que non se producisen excesos revolucionarios.
O fracaso da  monarquía de Amadeo de Saboia (1872-1873) deu paso á I República (1873-1874).
A I República foi vista polos militares como unha ameaza á unidade da patria. A proposta de Constitución Federal e a extensión do movemento cantonalista, reprimido polo exército, fixo que o xeneral Pavía entrase no Congreso en 1874 para disolver a asemblea Nacional e, así, porlle fin ao caos que, segundo eles, imperaba no Estado. Após a disolución do Parlamento, asume o poder o xeneral Serrano quen, co apoio dos xefes militares, suspende as garantías constitucionais e promete convocar Cortes Constituíntes cando o paía estea pacificado.
Mentres isto sucede, o exército combate os cantonalistas e carlistas. Medra o seu prestixio social e, baseándose nel, apoian a volta dos Borbóns na persoa de Afonso XII. Estamos no período canovista, no que, baixo a Constitución de 1876, goberna España unha monarquía constitucional doutrinaria conservadora.
O exército ten un papel preponderante no asentamento e prestixio do reinado de Afonso XII (rei pacificador) porque consegue pór fin a dous conflitos que veñen de vello. Péchase definitivamente o conflito Carlista, xa que as operacións militares do exército real fan que se extinga a oposición en 1876. O segundo conflito é a Guerra de Cuba. Os reforzos enviados déronlle ao xeneral Martínez Campos a oportunidade de sufocar as revoltas na illa (1876). Se ben houbo que ir abolindo a escravitude para que non hubese máis insurreccións, Cuba estaba relativamente tranquila, o problema quedaba aparcado, pero non solucionado.
A cuestión cubana rexorde na rexencia de María Cristina (1885-1902). En 1895 os independentistas cubanos, capitaneados por José Martí, reiniciaron a guerra con España. En Filipinas imitaron a revolta e  a insurrección comezou en 1896. A pesar do envío de numerosas tropas non se acadaban logros. O exército español non contaba con medios modernos, os soldados estaban mal preparados, as enfermidades tropicais,... todo facía que as baixas fosen cuantiosas.  A guerra con Cuba agravouse polo apoio dos EEUU aos insurrectos xa que non querían a presenza de España no Caribe nin no Pacífico. En 1898 unha estraña explosión no cruceiro norteamericano Maine, ancorado na Habana, serviu de escusa para que EEUU lle enviase un ultimato ao goberno español: tiña que renunciar ao dominio sobre Cuba. O fervor patriótico e a confianza na vitoria fixeron que non fose aceptado e se declarase a guerra. Esta foi curta dada a superioridade americana e así, as tropas norteamericanas ocuparon Cuba, Porto Rico e Filipinas. O goberno español solicita o armisticio e as negociacións de paz rematan coa sinatura do Tratado de París de 1898 (texto I). Por el España cede Cuba, Porto Rico, Filipinas e a Illa de Guam a EEUU e o resto de posesións foron vendidas a Alemaña en 1899. Desaparecía así o Imperio colonial español. A derrota, cualificada como o desastre do 98, causou unha fonda impresión na opinión pública e unha forte depresión na cidadanía: deixabamos de ser unha potencia mundial para ser un país mediocre cheo de problemas.
Os militares sentiron unha profunda frustración e resentimento xa que facían responsables do fracaso aos políticos. Isto levounos a cerrarse en si mesmos mantendo unha defensa corporativa dos seus intereses.
Con esta debacle remata a rexencia de Mª Cristina e comeza, con dezaseis anos, o reinado de Afonso XIII. Vaise desartellando o sistema canovista de quendas e o exército, aínda que baixo de moral, vai tomando cada vez un maior protagonismo. O ambiente político está moi alterado, medra a contestación política, aumenta a conflitividade social, hai atentados anarquistas, etc.
Ante este panorama o exército entra na vida política para defender os seus intereses, pero tamén para manter posturas cada vez máis conservadoras e autoritarias. En 1905, o goberno non se atreveu a castigar a uns oficiais da gornición de Barcelona que asaltaran varias redaccións da prensa (revista Cu-cut e o xornal La veu de Catalunya) nas que se defendía o catalanismo e se criticaba o exército (texto II). Deste modo o poder militar impúxose ao civil cando conseguiu, co consentimento do rei, a aprobación da nova Lei de xurisdición de 1906 pola que se sometía ao código militar o xuízo de delitos de opinión e obra contra a unidade da patria e contra o exército. Está a realizarse un cambio drástico na mentalidade militar xa que se pasa de apoiar coas súas accións ao liberaismo durante o século XIX, a defender agora intereses corporativos e a considerarse a si mesmos salvadores da patria e garantes da unidade nacional.
Este cambio de mentalidade nos militares vén unida a un novo conflito. Após a humillante derrota en Cuba, o exército español ten a encomenda de defender as posicións españolas no norte de África. En 1906 España e Francia crearon senllos protectorados no norte de Marrocos. Pero o problema radicaba en que antes había que pacificalos e isto non era tarefa doada. Nos arredores de Ceuta e Melilla, ademais da adversidade climática e orográfica, había tribos bérberes que obrigaban a manter alí fortes continxentes de soldados españois para facer fronte aos seus ataques. Estes ataques eran continuos e en 1909 o exército español sufriu en Marrocos unha nova derrota. Como se querían manter as posicións, o goberno decretou a mobilización dos reservistas. A opinión pública de esquerdas e as organizacións obreiras móstranse en contra. O embarque en Barcelona, en xullo de 1909, das tropas que ían a Marrocos provocou unha folga xeral de anarquistas e socialistas contra a guerra e as políticas do goberno. A folga foi un éxito, pero radicalizouse (barricadas, queima de igrexas, rúas cheas de exaltados). Ante isto, o goberno restableceu a orde pública reprimindo as masas ata con fusilamentos. Foi a Semana Tráxica de Barcelona, que tivo como consecuencia a caída do goberno do conservador Maura e a chegada ao poder dos liberais con Canalejas.
Canalejas quixo reformar o exército promulgando a Lei de Recrutamento  de 1912. Establecía o servizo militar obrigatorio, abolía a posibilidade de non ir pagando unha suma en metálico. Esta era unha demanda social, pero non a satisfixo totalmente porque Canalejas estableceu os soldados de cota que, mediante pago, reducían moito o tempo do seu servizo militar. Estas reformas non agradaban a ninguén  e producíronse moitos conflitos  que provocaron a quebra do sistema da Restauración (1917-1923).
Unha destas crises foi a militar. No outono de 1916 xorden en Barcelona  as Xuntas de Defensa militares. Eran asociacións de carácter corporativo formadas por oficiais de media e baixa graduación para defender os seus intereses en materia económica (texto III). Os salarios perderon poder adquisitivo e a situación económica dos oficiais era precaria polo que estas reivindicacións estendéronse a toda España desde Barcelona. Pedían a mellora da súa situación económica, o regulamento dos ascensos, a defensa do honor fronte aos ataques antimilitaristas e a represión contra o socialismo, anarquismo e separatismo nacionalista que xa se manifestara anteriormente (texto II).
O goberno disolveu as Xuntas e detivo os seus dirixentes, pero a solidariedade entre os oficiais e a súa rebelión obrigou a que o goberno as recoñecese. A partir de aí aumentou o seu peso na política e como o poder político era débil, os militareseran os que garantizaban a orde pública. Tamén fixo que aumentara o peso dos exércitos na opinión pública o impacto da I Guerra Mundial xa que foron garantes da liberdade.
Pero a problemática do exército español non se solucionaba só co aumento do seu prestixio xa que tiñan un orzamento escaso, un equipamento deficiente, exceso de oficiais e divisións internas. A partir de 1917 a inestabilidade política foi en aumento porque os gobernos eran débiles, medraban as actividades republicanas, aumentaba a conflitividade social e tamén medraban os movementos nacionalistas. Para culminar a situación, a guerra en Marrocos agrávase. No Rif as tropas españolas avanzan con dificultade, aumentan os gastos e o exército crea novos corpos específicos para a loita en Marrocos como era a Lexión (1920) e os Regulares. Isto non fixo mellorar a situación do exército que seguía sendo incapaz de controlar aquel territorio.
En 1921 o xeneral Silvestre quixo lanzar a ofensiva militar definitiva e, alentado polo rei, intentou ocupar Alhucemas. Non asegurou a retagarda e os rifeños de Abd-el-Krim atacárono e obrigárono a retirarse perdendo a maioría dos soldados.  Foi o desastre de Annual e os poucos soldados que quedaron refuxiáronse en Melilla. Aos poucos días o Rif proclamou a súa independencia.
Se o impacto do desastre do 98 fora grande, este veu profundizar nas feridas, a opinión pública incrementou a súa crítica á guerra e ao exército. Pediuse a depuración de responsabilidades e abriuse unha investigación sobre o comportamento dos militares (texto IV). Redactouse o Expediente Picasso e difundiuse a sospeita de que a operación do xeneral Silvestre fora avalada polo rei Afonso XIII, isto incrementou a oposición á monarquía dando pulo aos republicanos. Ante a acumulación de problemas só había dúas solucións que eran ou democratizarse ou aclamar a un salvador.
Optouse pola segunda  e en 1923 impúxose a ditadura de Primo de Rivera (texto V). Miguel Primo de Rivera, capitán xeneral de Cataluña, co apoio de persoeiros políticos e militares, dá un golpe de estado. Xustifican o acto pola situación do momento (guerra de Marrocos e crítica polo desastre de Annual, radicalización do nacionalismo catalán, crecemento do terrorismo, inestabilidade social,...) e decláranse como a solución a todos os problemas. Este é o primeiro golpe de estado do século XX e o xeneral Primo de Rivera preséntase a si mesmo como o rexenerador da vida pública e o solucionador de todos os problemas. O caso é que os militares toman o poder.




sábado, 31 de xaneiro de 2015

Chove



I

            Chove na cidade
                          Chove de noite na Cidade
                                    Chove de noite na Cidade vella.


                                      Na cidade vella torta e sombrisa
chove unha donda
    cadea de eternidade.


                            Pra que os canos choren
                por Sempre e mais Dispois
                chove na Cidade.

Manuel Antonio          

 

mércores, 21 de xaneiro de 2015

O crepúsculo e as formigas




O CREPÚSCULO 
E AS
 FORMIGAS








Resumo dos contos:
Introdución: 
Hai un narrador que responde ao eu autor. A vila é observada no lusco-fusco desde unha fiestra do último andar. Entre a visión e a realidade interponse un vidro que, para máis, vaise embazando co alento do que olla.Así, a visión está desfigurada, distorsionada e tan deformada que, ás veces, dubídase da súa veracidade.

   Os homes e a noite.
Aloi e Mingos estaban nunha festa. O Pitutas proponlles armar unha liorta para que a xente se arremuiñara e viñera a garda civil.. Mestres se armaba ese rebumbio el mataría unha persoa porque alguén lle pagara por matar. Aceptan, pero Aloi decátase de que o Pitutas roubara un neno de cinco anos e moreno. Mingos está moi preocupado porque pensa que pode ser o seu fillo. Van detrás do Pitutas, veno cun neno ao lombo. Pelexan porque Mingos pensa que é o seu fillo. Mata ao Pitutas e logo comproban que non é o seu fillo. Mingos mostra unha total indiferencia, dálle igual que haxa dous mortos.

Dúas cartas a Lou.
1ªcarta.
Ramón Fraiz mándalle unha carta a Lou (el está en Vigo e ela en Puech Merlhou, Provenza). Quere contarlle toda a verdade sobre as dúas mulleres coas que estivera antes.
Foise da súa casa na aldea cun plan secreto. Atopou unha casoupa na que vivían Xaquín (deitado nunha cama) e a Vella cega (súa nai). Quedouse alí e estaba nun recanto cada vez máis ininconsciente. De súpeto un día espértao unha raiola e érguese despexado. Xaquín non estaba e a Vella era unha moza. Viven xuntos e a "vella" dille que van ter un fillo ao que chamarán Xaquín.
El vaise, a vella dille que non importa, xa virá outro home para facerlle o fillo. 

2ª carta.
Ao saír do ambiente anterior o protagonista atopou a Ana. Ao mesmo tempo atopou o seu camiño, a súa arte.
Antes, un  amigo díxolle que visitara o salón da señora Nores. Alí tocou o piano, foi a mellor interpretación da súa vida. 
Desde alí mirou por unha fiestra e na casa de enfronte viu unha face e nos seus ollos a mesma paixón que el puxera no piano (de soidade).
Un día entrou naquela casa que cheiraba mal. A muller tiña os labios moi móbiles. Tiña un cobertor tapándolle as pernas. Ía bicala cando ela saca o cobertor e, ao baixar a vista, ve que as pernas eran só ósos pequenos recubertos dunha carne fedorenta e negra. Quedou horrorizado. 
Volveu á casa da señora Norés e outro día, no que tomara moita xinebra,  entrou na casa de Ana e deulle co cano dun revólver ata matala. 
Confésalle a Lou na carta que esas foron as dúas mulleres da súa vida antes ca ela.

O Suso.
O Suso chama, de noite, a Manolito para que o acompañe ao río porque había un rapaz afogado. 
Manolito tiña medo, pero estaba moi orgulloso de que o Suso o viñera chamar a el.
Puxéronse a andar pola beira do río. El tiña frío, pero non quería amosar medo diante de Suso. O río era o Barbaña e cheiraba moi mal. O Suso propúxolle que se separasen para atoparen antes o neno morto.
Manolito atopouno e viu que era o Suso. Ouveou da impresión e foise para a casa.
Á mañá seguinte os rapaces berraban debaixo da súa fiestra a noticia: O Suso afogara no río Barbaña.

Boas noites, Eire.
Eire espertou, estaba canso, acendeu un pito. Chove, ve unha muller batendo unha alfombra e comeza a lembrar a noite anterior: a noite vella.
Estaba nun bar ateigado de xente e tres mozos tiran as copas contra a parede do bar.
Violeta estaba soa, fíxolle graza o feito e ela fixo o mesmo. Eire achegouse a ela e saíron xuntos. Pararon a tomar unha copa e logo acompañouna á súa casa. Bicouna no portal e subiu con ela ao piso. 
Ela explicoulle que vivía co seu tío Carlos (un home duns cincuenta anos) que se ocupara dela cando morreu a súa nai. El estaba sempre bébedo, pola mañá pedíalle sifón e deitábase con ela.
Ese era o segredo de Violeta, por iso llepide a Eire que se vaia, esa é a súa vida. 
Remata o pito e tírao pola fiestra, a muller bate a alfombra, pero deixou de chover.

Diario.
Tercia feira (martes)
En primeira persoa, o protagonista di que baixa as escaleiras da casa e vai ao café de enfronte, alí comeza a escribir o seu diario.
Toda a noite estivo sen durmir. Asómase á fiestra do cuarto, pecha os vidros, pero di que o medo xa entrara e xa se deitara na súa cama. Algo eléctrico mórdeo e el abre a boca para berrar, entón choutou pola fiestra, tiña unha ferida na testa e amencía.
Carta feira (mércores)
Di que é carpinteiro e que todos os patróns o botan. Por cada patrón que o despide, el corta un dedo da man coa serra eléctrica. Pero di que o Rector é un gran home porque lle deu cartos e café con leite.
El volveu á casa, aínda que sabía que o medo estaría alí. Tiña moito sono, subía as escaleiras e Eusebia Cons saíu á porta a pedirlle lume. Faltáballe unha perna. El comezou a fixarse nela  e tirouna no chan coa intención de violala, pero quedou durmido toda a noite na escaleira.
Quinta feira (xoves)
Atopou a Eusebia Cons e púxose vermello porque cría que lle contara a todo o mundo o do día anterior. Pensaba que todo era unha monobra do seu pai. Foi ao seu cuarto. Cheiraba a chinches, pero non era polas chinches, era o seu pai que fumara os seus pitos. Estaba avergoñado porque seguramente vira a roupa interior de muller que mercara e que bicaba decote.
Sesta feira (venres)
Di que leva anos sendo escravo do seu pai que lle paga dándolle tabaco de contrabando. Esa noite baixa  polo cano da auga para entrar na casa de Eusebia e deitarse con ela.
De súpeto, oe dúas respiracións: unha é de Eusebia e a outra de seu pai, recoñéceo polo alento fétido a chinche. Séntese moi desgrazado.
Sábado
O protagonista escribe o que fará o día seguinte (escribe a día anterior) porque ten  pensado aforcarse.
Sábado (verdadeiro)
Decidiu non suicidarse. Tomou barbitúricos e durmiu toda a noite. O seu pai deulle unha aperta, pero el expresa o noxo que lle dan os labios do pai, sobre todo cando bicaba a súa nai.
Suponse que matou o pai dunha navallada. Xa non quere seguir escribindo o diario, fixérao por terapia encomendada polo psiquiatra que o atende e agora que se cre curado, déixao, aínda que o doutor o anima a seguir.
 
Un chinche durme no teito
Nota do autor dicindo que ordenou as notas que deixou León Barreiros na pensión onde vivía.
A pensión Míguez de Compostela é sórdida e escura. Unha ducia de estudantes (escrito en primeira persoa) pasan o día estomballados nas camas. 
O protagonista, escribe en primeira persoa, escoita as conversas do teléfono que está a carón do seu cuarto. 
Leva un mes chovendo e di que xa tarda en levarse a cabo o costume de que cada ano haxa un suicidio; de seguir a chover, non tardará en cumprirse.
Un chince durme no teito, un día que baixa, mátaa e limpa o sangue.
Hai tres días que recibiu a nova da morte da súa nai, mais non sente ningunha dor, aínda que busca dentro de si porque quixera sentir a desolación maior.
Carmiña, a criada da pensión, dille que ten mala cara. Mírase ao espello, queda espantado e comeza a ouvear. Carmiña vén correndo, tranquilízao e méteo na cama coma a un neno pequeno, así facía tamén a súa nai.
O autor deixa un espazo en branco e comeza noutra folla para transmitirnos que xa estamos na seguinte das notas de León. 
É domingo pola mañá. Bebeu moito a noite anterior, ten manías persecutarias, hai dous homes de traxe negro que sentan a rentes del. Séntese desacougado desde que lle morreu a nai e imaxínaa comesta polas vermes no cadaleito.
Novo espazo en branco, outra nota do protagonista.
Non sae do seu cuarto, matina, non saca da cachola que el sobra nesta vida.
Derradeiro espazo en branco para a derradeira nota.
O protagonista di que leva chovendo unha chea de meses, así a auga chega ata o terceiro andar. Carmiña mira por el, mais sempre sae chorando do seu cuarto.
Uns vascos chámano desde a rúa para iren xuntos xogar ao chinchón. Como é bo nadador e a auga da chuvia chega ao terceiro andar, bótase á rúa pola fiestra.

A casa azul
(Pequena homenaxe a Samuel Becket)
Rosa tiña vinte anos. Non era guapa. Vivía co Portugués nunha casoupa no arrabaldo dos esmoleiros. Queda embarazada e o Portugués dille que ten que ir á Casa Azul, ten que cumprir co costume. Ela quere romper con esa tradición, desconfía, ten medo, aínda que a casa sexa luminosa e alegre. El pégalle e dille que ten que ser así, como foi sempre.
Ela quéixase de que os homes están todo o día deitados, que traballan un só día á semana e que lles pegan. Por encima, cando quedan preñadas teñen que ir á Casa Azul. Ao final, ela tamén vai, non lle queda outra.

Ramil, Ramil, vas morrer Ramil
(Escrito en terceira persoa)
Charles Eguières comezou a agatuñar, ás tres da mañá, pola enorme morea de mineral de ferro que se erguía sobre o malecón de Vigo.Custáballe moito rubir.
Leva un revólver e quere matar a Ramil por un asunto que aconteceu en Madrid.
Apareceu Ramil cunha lanterna  acesa que o cega. Charles disparoulle, mais non lle deu. Ramil tirou con el e fíxoo rolar polo monte de mineral de ferro que daba no mar e desapareceu na auga.
Ramil quedou paralizado mirando o mar desde o cume do montón de mineral.

A cabeza fendida
(Escrito en terceira persoa)
Unha parella estaba nunha praia de Vigo. Ela é María e el un xogador de fútbol famoso, Gustavo Comesaña.
Foron comer á praia. Había un mes que saían xuntos. Todo o mundo cría que ela era a amante do señor Ferreiro, o contratista. Pero el só quedaba con ela para beber e falar. Aínda así, se chegaba a saber que tiña mozo, botábaa do traballo e ela e a súa nai non tiñan de que vivir.
Cando remata o día vanse da praia cara a Vigo. 
El tiña unha moto e debía atravesar un bosque para collela. Ela sobe a un penedo, esvara e fende a cabeza. El sae, asustado, en busca de axuda; entra nun bar e comeza a beber.
Volve ao pé dela e queda alí deitado bébedo, facéndolle mecos a ela, morta.

O cadro pintado
(Escrito en terceira persoa)
Silvio e Helena son pintores. Discuten porque din que asasinaran o seu fillo.
Entre os dous pintaron un cadro no que representaron o que denominaban o seu fillo. Tiña unha mirada, mans e cor anormais. 
A casa convertérase nun inferno porque se lles aparecía a todas horas coa súa face verde.
Conviñeron en matalo, tapándolle a cabeza e afogándoo na bañeira.
Silvio di que fora un absurdo que aparecera entre os dous e que, agora que o mataran, volverían á normalidade.

Análise da obra
Ao analizar os contos descubrimos moitos dos trazos que caracterizan a Nova Narrativa Galega, por iso é unha das obras máis representativas deste movemento.

Introdución
O propio autor, nunhas poucas liñas, dinos cal vai ser o punto de vista. Afastado, desde a altura, mais con problemas de visión clara (á noitiña e con bafo no vidro) enxerga os habitantes da vila, que lle parecen diminutos e inmersos nun trafego anónimo que os leva á insensibilidade e, en moitos casos, á violencia.

Espazo
Varios contos desenvólvense nun marco urbano, pero non no centro das vilas, en lugares coidados e atractivos; son barriadas periféricas, en casos sen nome. Teñen lugar en: 
Vigo:  - Ramil, Ramil, vas morrer Ramil: o malecón N.
           - A cabeza fendida: unha praia deserta da ría.
           - Dúas cartas a Lou: un barrio sen nome.
Ourense: - O Suso: o barrio do Couto e o río Barbaña.
Santiago: - Diario: rúa da Balconada e Ferradura.
                - Un chinche durme no teito: quella de Entre Rúas.
 Tamén podemos clasificar os contos segundo se desenvolvan nun espazo exterior ou interior.
Espazo exterior:
- Os homes e a noite: festa ao aire libre con orquestra e telderetes, nun lugar impreciso.
- O Suso:río Barbaña.
-  Ramil, Ramil, vas morrer Ramil: o malecón.
- A cabeza fendida: praia da ría de Vigo.
 Espazo interior:
- Dúas cartas a Lou: casoupa que cheira a podre e a suor.
- Boas noites, Eire: moi mal iluminada e co aire podre.
- Diario: fedía a chinches.
- Un chinche durme no teito: pensión escura e sórdida que cheira a suor.
- O cadro asasinado: cuarto quente que cheira a óleo.
Malia esta distinción, os espazos do exterior e os do interior coinciden na súa descrición, son ambientes sucios (até o rio está porcallento), pobres, con pouca luz, fedorentos, son ambientes abafantes, pechados, transmiten incpomunicación.
Non participan deste ambiente noxento:
- A casiña azul: descríbese como fermosa, nela hai luz, beleza, felicidade fronte á fealdade, miseria que a rodean.
- O salón da señora Nores en Dúas cartas a Lou , non está descrito con minuciosidade, mais ao ter un piano e estar ocupado por "chachabescos" fachendosos que falan de cultura (ironía) semella ter certo requinte. Contraponse claramente á casoupa de Ana.

Tempo
Cabe distinguir entre o tempo externo ou histórico e o tempo interno.
Referente ao tempo externo, os relatos sitúanse no presente, pódese dicir que nos anos cincuenta-sesenta, arredor da data de publicación (1961).
Tocante ao tempo interno, se falamos do tempo da historia diremos que son relatos que abarcan pouco tempo: desde minutos (Ramil, Ramil, vas morrer, Ramil) ata poucos meses (Un chinche durme no teito).
O tempo do discurso é, en xeral, lineal, cóntanse os acontecementos de xeito cronolóxico. Temos a excepción de Diario (flashback da noite pasada) e Dúas cartas a Lou, conta os seus primeiros amores.
Nos relatos hai unha clara preocupación polo paso do tempo, este vaise sen que nos decatemos; pode ser moi lento ou rapidísimo, mais nunca se mide polo reloxio, é un tempo psicolóxico.
Dúas cartas a Lou comprende un período de tempo impreciso que pasou silandeiramente, dinos que o tempo pasou, pero non como debería; o tempo precipitouse nunha noite; movéronse as agullas sen saber canto.
Boas noites Eire presenta un flashback: mentres fuma un pito lembra a noite pasada. Mide o tempo polo grosor do po nos mobles e pola meteoroloxía (chove, deixa de chover).
Pola chuvia tamén se rexe o tempo en Un chinche durme no teito (leva un mes chovendo, chove moitos meses) e O cadro asasinado por unha nevarada (Helena ve nevar, parara xa de nevar).
En Diario está clara a cronoloxía, mais o tempo pasa de xeito rapidísimo.
Nos relatos que se desenvolven no exterior os sucesos están acompañados pola noite como en Ramil, Ramil, vas morrer Ramil ou hai unha dicotomía: día = ledicia fronte a noite = morte.
Os homes e a noite, día de festa, noite de traxedia.
A cabeza fendida, día de praia, tardiña-noite de morte.
O Suso, noite de nábopa para o suicidio, día claro coa noticia.

Personaxes
Os personaxes están descritos con poucos trazos. Coñecémolos por medio dos seus diálogos ou monólogos interiores. Raramente se identifican polos seus antropónimos, aparecen iniciais para mostrar que son arquetipos da humanidade ( H. Eire), apelidos (Ramil), nomes moi comúns (María) ou alcumes (o Portugués).
Estes personaxes son seres que teñen eivas físicas: cegos, tolleitos, coxos, seres deformes:
- O cadro asasinado: adolescente deforme, de face verde.
- Dúas cartas a Lou: a muller sen pernas.
- Os homes e a noite: Pitutas era chosco.
Teñen problemas psicolóxicos:
- Diario: é un perturbado sexual.
- Un chinche durme no teito: León Barreiro é un depresivo.
- Boas noites, Eire: Violeta é unha asocial, non ten con quen falar, ninguén é tan culto coma ela

Proceden dunha sociedade marxinal, non teñen orixe nin destino, non sabemos de que viven xa que case ningún ten profesión, agás o protagonista de Diario (é carpinteiro), León Barreiros de Un chinche (é estudante), os de O cadro asasinado son pintores e o futbolista e a empregada de A cabeza fendida.
Están dominados polo medo (Rosa de A casa Azul, Manolito en O Suso).
Son seres angustiados (Migos quere comprobar que non matan o seu fillo en Os homes e a noite, Rosa quere convencer o Portugués en A casa Azul, Ramón Fraiz na casa da vella en Dúas cartas a Lou).
Son violentos e insensibles: Mingos en Os homes e a noite, Ramil en Ramil, Ramil, vas morrer Ramil.
Estes personaxes viven unha realidade moi dura e intentan rexeitala, foxen desa realidade que os fere mediante o suicidio (León Barreiro en Un chinche), refuxianse na bebida para esquecer (Violeta en Boas noites, Eire ou Gustavo Comesaña en A cabeza fendida) ou matan, asasinan, destrúen o monstruoso (Helena e Silvio en O cadro asasinado, Ramón Fraiz mata a Ana en Dúas cartas a Lou).
A realidade dolorosa é aceptada no caso de Rosa en A casa Azul, intenta rebelarse, mais remata facendo o inevitable.
O protagonista de Diario é o único que asume a realidade adoptando unha postura positiva: decide non suicidarse cando se libera da figura castrante do pai e se acepta a si mismo.

Voces narrativas
Na nova narrativa os autores non utilizan unha única voz narrativa, hai un continuo cambio de voces. Os novos narradores tentan ocultarse detrás dos seus personaxes. En O crepúsculo e as formigas vemos esa multiplicidade de voces. Na introdución temos o eu autor e logo os contos podemos agrupalos en:
Primeira persoa:
- Dúas cartas a Lou: estas dúas epístolas teñen un ton familiar no que o narrador Ramón Fraiz lle vai contando a vida á narrataria Lou.
- Diario: é un monólogo, o contido distribúese e días como corresponde co formato dos diarios. Dise que foi escrito como terapia mandada polo doutor. Cando se sente recuperado deixa de escribir.
- Un chinche durme no teito: é a transcrición duns manuscritos de León Barreiro. O papel do autor limítase a ordenar estas notas.
- O Suso: Manolito conta en primeira persoa, é o protagonista, o sucedido a noite da morte de Suso.
Narrador exterior, está do outro lado da fiestra: A casa Azul, o narrador só describe.
Narrador omnisciente en terceira persoa: o resto de contos: Ramil, A cabeza fendida, O cadro asasinado, Os homes e a noite, Boas noites Eire.

Símbolos
A fiestra
Aparece desde a introdución (achega a cara aos vidros) e está presente na maioría dos relatos.
A fiestra pode ter un dobre significado:
- Os seres queren abrila para escapar da realidade anguriante na que están pechados:
      - Dúas cartas a Lou: toca o piano e mira pola fiestra buscando unha mirada cómplice.
      - O Suso: Abre a fiestra para falar co Suso, non ten medo.
      - Boas noites, Eire: tira o pito pola fiestrae con el van as lembranzas.
- Os seres pechan a fiestrapara que non entre a realidade coa que non se queren enfrontar, fabrican ambientes irrespirables, abafantes: 
      - Diario: pechou a fiestra inutilmente porque o medo xa entrara no cuarto.
      - O cadro asasinado: están pechados coa traxedia, miran pola fiestra e fóra neva (brancura,      pureza).

A escuridade
As tebras, a noite, os espazos mal ilumunados son unha constante na maioría dos contos.As cores negras e grises crean un ambiente tétrico que nos anticipa o medo, a desgraza, angustia e morte.

A morte do neno, Ramón mata a Ana, o Suso, Ramil... son traxedias que suceden arroupadas pola escuridade.
A luz da lúa tamén ten influencias nefastas, cobre o cadáver de María, o de Charles na caída ao mar ou o do neno de Mingos.

Os insectos 
Son ínfimos, sen personalidade, mais violentos xa que loitan pola supervivencia. Ao mesmo tempo son uniformes, anónimos nas súas características. Por iso simbolizan os humanos que protagonizan os contos: seres sen importancia, sufridores e violentos, incapaces de fuxir porque o mundo se lles fai grande e ao mesmo tempo apréxaos.

Isto xa se nos anticipa no título:
- Crepúsculo: lusco-fusco, imos ter violencia, medo e morte.
- Formigas: seres uniformizados cunha importancia mínima e un destino mortal.