xoves, 21 de agosto de 2014

FOLE, ÁNXEL: "A néboa pare pantasmas"


"A néboa pare pantasmas"




O relato pertence ao libro Contos da néboa (1973) de Ánxel Fole. 

Nesta obra os contos están ambientados no mundo urbano (cidade de Lugo), mais teñen presentes tamén as características típicas do retrato que Fole fai da Galicia máxica e popular.
Así reflíctense:

- as experiencias parapsicolóxicas (aparicións, premonicións)
- as crenzas tradicionais no mundo do alén.

Tamén están presentes neste conto características de toda a obra de Fole, trazos estilísticos e estruturais propios da narración oral:

- fórmula de apertura: endexamais me esquecerei...
- voz narradora testemuña dos feitos, situada nun ambiente realista.
- presenza de dialectalismos, hiperenxebrismos e castelanismos: ire, efeutos, ise, rellenos...
- conclusión final didáctica: il non era sabedor...

Tema

É un tema didáctico e moralizante: se obras mal terás un castigo. Podemos aplicar aquí a copla popular que di:

Belandrán anda no monte
Belandrán camisa rachada
Belandrán anda dicindo
quen mal anda, mal acaba.


Resumo

Un home, desde a fiestra da casa, ve dúas persoas pasar polo circo de luz dun farol. Logo descobre que un deles está morto desde minutos antes. Viu, polo tanto, un aparecido suxestionado pola noite de néboa e a misteriosa vida e morte do seu veciño D. Claudio. Para crear este ambiente de misterio e propiciar o feito fantástico o narrador bota man de:

- é unha zona afastada, os arrabaldes da cidade pouco transitados.
- todo cuberto de néboa.
- pouca iluminación, é de noite e case non hai farois.
- os homes levan chapeu, tapados, non se lles ve o rostro.

Narrador

Predomina a primeira persoa, narrador protagonista. Vive en Lugo ("os lugueses chámanlles pataqueiros"), veciño de D. Claudio (un dos personaxes da historia que resulta morto), casado, con fillos (un deles de 17 anos estuda para perito industrial). É unha familia de clase media, cos membros formados e polo tanto non sospeitosa de mentir. Todo isto contribúe á verosimilitude.

Espazo

Desenvólvese nun espazo real: un arrabalde da cidade de Lugo e máis concretamente, no interior e exterior dunha casa dese arrabalde.

Tempo

Está moi ben detallado.
O tempo histórico é moi concreto: noite de San Silvestre (noite meiga) do ano 1959, ás sete da tarde (noite pecha, pois é inverno). Había o "relleno", unha especie de bingo desa época.

O tempo da historia tamén está delimitado: comeza ás sete da tarde e remata pouco despois das dez da noite.

Personaxes

Os personaxes principais son:
- o narrador: pai de familia
- a súa muller: ama de casa.
- D. Claudio: personaxe misterioso, home rico de mala fama

Os personaxes secundarios son os rapaces fillos do protagonista (un deles estuda para perito) e o home (groso, pequenote, pataqueiro) que se cruza con D. Claudio.


Linguaxe

Lingua popular, chea de dialectalismos, vulgarismos e castelanismos. Reflicte a fala dun cidadán común do Lugo dos anos 50-60.

Como recurso utiliza abundante adxectivación, ás veces en negativo ("e non vello") e frases comparativas.