PASEO
De sutaque sorprendín á mañá
entrando na vila,
cantando da mao da fina chuvia.
Cos pés espidos e mollados
viña dos camiños verdes, profundos.
Dedos de vento transparentes, valeiros,
en bruñidas bandexas.
Skerzo da zoca na acera.
Leda canción.
E debaixo do mantel de liño fresco
a muller do obreiro leva as doce campanadas.
Unha canción que se cae e se levanta.
O polvo nas alas e tamén o ceo.
Unha canción tan lonxana e lene
como a sombra do aire sobre a herba.
Hasta min chega tan sólo en anacos;
mais eu enténdoa esaita i enteira,
como a sombra do aire sobre a herba.
Luís Pimentel: Sombra do aire na herba.
SOLPORES DA MIÑA VILA
Solpores da miña vila,
longos, case eternos.
(Os anos pasan rápidos;
os días lentos).
A luz esbara
polo meu piano lustroso
¿Que música lle poñeremos?
As maos, soñan.
Solpor de prata
sobor do ébano.
Penso nos poetas mortos.
Calma, calma...
Tarde inmóvil, eterna.
Quédase dulcemente
¿en que soedade, lonxe?
Ceo, ceo, máis ben luz.
Equilibrio diste gris
tan tenro.
Non, non hai paisaxe
nin carne nin sangre.
Solpores da miña vila,
longos, lentos, música.
as maos, soñan.
Luís Pimentel: Sombra do aire na herba.